div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

Os partidos Celta-Málaga e Xetafe-Deportivo serán os protagonistas do 'Galicia en Goles' na tarde do domingo

A Radio Galega e AGalegaAudio.gal abren este venres a fin de semana de retransmisións co partido entre o Deportivo Abanca e o Real Madrid da Primeira División feminina

Ademais, a emisora pública atenderá durante toda a fin de semana as ligas da RFEF e ao baloncesto de pretemporada

csag.gal 11/09/2026 10:46

Santiago, 11.09.2026.-    A Radio Galega e AGalegaAudio.gal abren este venres a fin de semana de retransmisións co partido entre o Deportivo Abanca e o Real Madrid da Primeira División feminina. Desde as 20:00 h, Roberto Carlos Carballo repartirá xogo no ‘Galicia en Goles’ atendendo esta cita futbolística, xunto ás semifinais da 39ª Copa Galicia de baloncesto feminino no Pavillón da Malata. Completa o venres deportivo a xornada de inauguración do cuadrangular EncestaRías, no Pavillón Municipal de Pontevedra. O programa prestaralle especial atención ao Obradoiro-Valencia, que chega a dúas semanas do comezo da Liga ACB.

O sábado, desde as 14:15 h, o fútbol de Primeira RFEF estará presente cunha dobre cita. O Pontevedra recibe o Bilbao Athlétic en Pasarón e a U. D. Ourense visita a U. D. Logroñés. O baloncesto será outra das disciplinas con cobertura, xa que se disputará en Pontevedra a final do EncestaRías, e en Ferrol xogarán polo título da Copa Galicia feminina.

Xa o domingo, a xornada matinal reserva para as 11:45 h o Rácing de Ferrol-Real Unión, da Primeira RFEF. A partir das 14:00 h, na Primeira División, o Celta recibe o Málaga en Balaídos. Os célticos afrontan a cita sen coñecer aínda a vitoria en toda a temporada, con dúas derrotas na casa e tres empates a domicilio. Pola súa parte, o Málaga chega tamén necesitado, con dous puntos sumados na Rosaleda e tras sufrir cadansúa derrota no Metropolitano e no Bernabéu.

A sesión continua de Primeira terá a seguinte parada co Xetafe-Deportivo, no Coliseo. Os herculinos están invictos, con oito puntos e instalados na quinta praza, despois de sumar dous triunfos e dous empates. O rival rematou con dez futbolistas ante o Celta o pasado luns e foi quen de salvar un punto, o que lle permite sumar catro tras outros tantos partidos disputados.
    
Ademais, o ‘Galicia en Goles’ estará pendente durante todo o domingo das ligas da RFEF, con atención ao Lugo-Coria e ao Fabril-Ponferradina. Na Segunda RFEF destacan o Arousa-Gernika, o Bergantiños-Amorebieta e o Coruxo-Raio Cantabria, xunto ao calendario da Terceira.

#GaliciaEnXogo

Ao remate da xornada futbolística, o ‘Galicia en Goles’ dedicará a última hora do domingo ao proxecto que leva o cancelo de #GaliciaEnXogo. Rodrigo Pérez ofrecerá ás 23:00 h a última hora do motor, con atención esta fin de semana á participación do vigués Rubén Fernández no Gran Premio da China de MXGP. A partir das 23:30 h, Toni López repasará a actualidade dos deportistas galegos que traballan neste ciclo olímpico co obxectivo de alcanzar a clasificación para os Xogos dos Ánxeles 2026.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade