div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

O verán chega a Xabarín.gal cunha chea de series, cine infantil e clásicos renovados

‘As aventuras de Paddington’ e ‘Citizen Code’, grandes estreas dispoñibles por primeira vez en galego

O mellor cine infantil chega á plataforma con filmes como ‘A tartaruga vermella’, ‘O neno e o mundo’ e ‘A casa da luz’

Algúns dos personaxes infantís favoritos, como Doraemon, Shin Chan ou Pipi Mediaslongas, regresan con novos capítulos para as vacacións

crtvg.gal 20/06/2025 10:35

Santiago, 20.06.2025.-  A Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) reforza este verán a súa oferta infantil na plataforma dixital Xabarín.gal, cunha programación renovada, educativa e chea de diversión para os máis pequenos da casa. O inicio das vacacións chega cargado de estreas, clásicos actualizados e contidos especiais que acompañarán á cativada galega durante toda a tempada estival.

Un dos grandes atractivos deste verán é a chegada, por primeira vez en galego, da serie de animación ‘As aventuras de Paddington’ (desde o 23 de xuño), protagonizada polo entrañable osiño que vive en Londres. Tamén se incorpora á plataforma ‘Citizen code’ (desde o 25 de xuño), unha proposta divulgativa que introduce os rapaces na cultura dixital, ofrecendo ferramentas para entender e navegar con seguridade no mundo da informática.

O cinema tamén terá un protagonismo especial en Xabarín.gal, con títulos destacados como ‘A tartaruga vermella’ (27 de xuño), ‘O neno e o mundo’ (18 de xullo),  ‘Coppelia’ (4 de xullo) e a película infantil galega ‘A casa da luz’ (25 de xullo), que se estrearán ao longo dos meses de xuño e xullo.

Non faltarán os clásicos favoritos do público infantil. Doraemon e Shin Chan regresan con novos episodios desde o mes de xuño, e tamén volve ás pantallas galegas Pipi Mediaslongas, coas súas aventuras inconfundibles. A plataforma continuará ampliando as súas producións máis recentes, como ‘Os Bolechas: historia de Galicia’ (25 de xullo), ‘Can cheirento’ (1 de xullo) ou ‘A patrulla canina’ (8 de xullo), que estrearán novos capítulos durante o verán.

Entre os contidos máis destacados cómpre salientar a estrea dunha sección especial o 24 de xullo dedicada aos 40 anos de programación infantil na TVG.

Ademais, ao longo de agosto, seguirán chegando novidades como a serie ‘Angus & Cheryl’ (14 de agosto), máis capítulos de ‘Boom e Reds’ (8 de agosto), e novos contidos de ‘Chupóns’ (22 de agosto) e ‘Os misterios de Alfred’.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade