O presentador Rodrigo Vázquez volve á TVG polo Nadal nos especiais de 'Atrápame se podes' - CSAG
O presentador Rodrigo Vázquez volve á TVG polo Nadal nos especiais de 'Atrápame se podes'
Entre o 22 de decembro e o 9 de xaneiro, regresa un dos concursos máis agardados da Galega, que se emitirá xusto antes do ‘Quen Anda Aí?’
Nas edicións das semanas de Nadal e Fin de Ano concursarán personaxes famosos, que doarán os premios a causas solidarias
Na semana de Reis Magos haberá unha edición infantil, con nenos e nenas como protagonistas do programa

Santiago, 19.12.2025.- O presentador galego Rodrigo Vázquez regresa polo Nadal á súa casa, á Television de Galicia, na que se deu a coñecer e desenvolveu boa parte da súa carreira. Vázquez volve á Galega para presentar os especiais de Nadal de ‘Atrápame se podes’.
Desde o luns 22 de decembro, Rodrigo Vázquez presentará de luns a venres (15:45 h), xusto antes do ‘Quen Anda Aí?’, unha edición solidaria de ‘Atrápame se podes’, en que personaxes famosos concursarán e doarán os premios a causas solidarias. Entre eles, estarán presentadores, actores e humoristas, todos rostros ben coñecidos para os espectadores da TVG. Na semana de Reis Magos os protagonistas serán nenos e nenas, nunha edición moi especial do concurso, pensada para a audiencia máis familiar.
O formato contará con cinco roldas eliminatorias con preguntas de cultura xeral e o premio dedicarase cada día a unha organización social diferente. Cada xornada poranse en xogo 1.500 euros, que se poden entregar íntegros ou acumularse parcialmente, de xeito que o bote pode ir crecendo cada día. No caso da edición infantil, os premios non serán en metálico, senón en forma de agasallos para os participantes.