O EXM confirma que TVG é a canle de televisión máis vista de Galicia - CSAG
O EXM confirma que TVG é a canle de televisión máis vista de Galicia
Segundo destaca a primeira onda do EXM, TVG segue a medrar no 2026 e sobe ata un 20,1% de cota de luns a domingo
TVG sitúase máis de 8 puntos de audiencia por riba dos seguintes competidores: Antena 3TV (11,7%) e La1 (11,3%)
Esta onda incide na fenda entre as medicións do EXM e as que ofrece Kantar Media para a TVG, nun contexto en que Kantar Media foi penalizada pola Corporación por desviacións nos resultados das súas medicións en 20 de 24 meses entre 2024 e 2025
A Radio Galega é a emisora pública máis escoitada de Galicia, con 93.000 oíntes de luns a venres, chegando aos 127.000 no conxunto das emisoras da Corporación
Reforzando os datos do EXM, a Galega bateu o récord de crecemento dixital, alcanzando os 2,6 millóns de seguidores no primeiro trimestre do ano

Santiago, 15.04.2026.- A Televisión de Galicia confírmase como a canle máis vista na comunidade na primeira onda do Estudo Xeral de Medios de 2026, publicada este mércores.
A TVG consolida o seu liderado absoluto no ámbito audiovisual galego, un liderado que se reflicte en todos os días da semana e en todas as franxas horarias.
A TVG acada un 20,1% de cota de luns a domingo, superando en 8,4 puntos o seguinte competidor, Antena 3 (11,7%) e La 1 (11,3%).
TVG lidera, ademais, en todas as franxas horarias:
.- Na franxa da mañá (8:00 a 13:30) acada un 28,4% fronte ao 11,1% do seguinte competidor, La 1.
.- Na sobremesa (13:30 a 17:00) acada un 30,2% fronte ao 17,3% que acada A3 en segundo lugar. Nesta franxa, que abrangue os informativos ‘Galicia Noticias’ e ‘Telexornal mediodía’, a TVG acada picos de audiencia por riba do 40% (41,2%).
.- Na tarde (17:00-20:00) a TVG suma un 13,9% de audiencia, fronte ao 10,9% do segundo, neste caso T5.
.- No prime time, a TVG segue liderando cun 16,2% fronte ao 12,1% de La 1.
A Televisión de Galicia non só mantén o liderado, senón que medra, apoiándose nos novos formatos da súa grella e na fortaleza das súas franxas informativas. Creceu un 15,5% con respecto á última onda do EXM de decembro do 25. Xunto con Tele5 é a única canle que medra en Galicia. Entre as xeralistas, a que máis perde é La1, que cae nesta onda un 16,9%, situándose no 11,3%.
Diferencial con KANTAR MEDIA e historial de penalizacións
A TVG foi de forma sostida a canle máis vista en Galicia nos últimos anos para o EXM. Estes datos, perfectamente aliñados coa evolución récord da presenza dixital da Corporación, non se reflicten do mesmo xeito no modelo de medición técnica que fai Kantar Media (agora Fifty5Blue), que foi penalizada entre 2024 e 2025 en 20 dos 24 meses, debido a incumprimentos nos parámetros básicos de medición, relativos á mingua mostral e á eficiencia do panel. Foi a primeira vez na historia que a Corporación debeu aplicar esta clase de sancións ao medidor.
Durante o ano 2024, no que, segundo Kantar Media, a audiencia da TVG pasou do 11% ao 8,6% (-2,4 puntos) a TVG tivo que penalizar a Kantar Media en 11 dos 12 meses do ano.
O mes en que se aplicou a máxima penalización foi marzo. Nese periodo producíronse desviacións respecto da mingua mostral en trinta dos trinta e un días, e rexistrouse perda de eficiencia mostral todos os días do mes. A TVG comezou marzo cun 10% de cota de pantalla e rematou cun 8,5%, cunha caída de 1,5 puntos. A TVG rematou 2024 como a terceira canle autonómica máis vista de España.
No ano 2025, aplicáronse penalizacións en 9 dos 12 meses. A maior oscilación mensual produciuse en outubro, cando, segundo os datos de Kantar, a TVG pasou do 9% de setembro ao 7,7% de cota en outubro (-1,3 puntos). Nese mes, a combinación de mingua mostral e perda de eficiencia do panel afectou ao 25% dos días. A TVG rematou o ano, segundo Kantar Media, cun 8,4% de audiencia, como a cuarta autonómica máis vista de España.
Do mesmo xeito, na comparativa desde 2024 entre os datos do EXM e os ofrecidos por Kantar Media, a TVG é consistentemente a canle xeralista de España -pública ou privada- na que se rexistra a maior diferenza, en negativo, entre os dous medidores.
A Radio Galega, a emisora pública máis escoitada de Galicia
A Radio Galega é a emisora pública máis escoitada en Galicia, con 93.000 oíntes de luns a venres e 89.000 no conxunto da semana, mentres que Radio Galega Música acadou 32.000 oíntes de luns a venres e 38.000 de luns a domingo.
O conxunto das emisoras de radio da Corporación acada nesta primeira onda do EXM 127.000 oíntes no conxunto da semana e 125.000 de luns a venres.
2,6 millóns de seguidores, récord dos medios dixitais
Estes datos da primeira onda do EXM confirman a tendencia que avalan as cifras das canles dixitais da Corporación neste primeiro trimestre de 2026.
As redes sociais da Galega creceron preto dun 200% (191%) no primeiro trimestre de 2026 respecto ao mesmo período do ano anterior, avance que se traduce nun incremento sostido da comunidade dixital, con 2,6 millóns de seguidores (+31%).
Só as contas dos contidos da Televisión de Galicia (Facebook, Instagram, YouTube e TikTok) acadaron 226 millóns de impresións, un 197% máis que no primeiro trimestre de 2025, con 182 millóns de reproducións (+228,4%) e 6,12 millóns de interaccións (+227%).
Na Radio Galega, o crecemento aínda é maior, con cifras de récord que afianzan a estratexia de comunicación dixital dos seus informativos, magazíns e programas de entretemento: 9,18 millóns de reproducións e preto de medio millón de interaccións nos primeiros tres meses deste ano.
En informativos salientan os datos do portal G24.gal, que creceu ata os 604.000 usuarios (+47%), nas sesións (+52%) e nas páxinas vistas (+88%), reforzando o seu papel como referente informativo e de contidos en lingua galega no ecosistema dixital.
No referente ás tres plataformas, AGalega, AGalegaaudio e Xabarin.gal, sobrepasaron os 600.000 usuarios (+47%), os 1,7 millóns de sesión (+52) e os 4,3 millóns de páxinas vistas (+88%).