div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

O ‘En Xogo’ ofrece o domingo pola noite na TVG o mellor dos partidos Celta-Real Sociedade e Rácing de Santander-Deportivo

A G2 e AGalega.gal ofrecen durante a fin de semana a xornada das Ligas da Federación

csag.gal 17/10/2025 16:00

Santiago, 17.10.2025.-  Volve a Liga de Primeira División tras o paro polas seleccións, e o ‘En Xogo’ prestará o domingo pola noite unha ampla cobertura ao resumo do partido que disputarán en Balaídos o Celta e a Real Sociedade. A partir das once menos cuarto da noite, Sevi Martínez abre a mesa de debate cos mellores analistas e influencers para analizar un encontro en que os dous equipos xogan tres puntos moi importantes de cara ao futuro. O Celta suma seis e a Real, que ocupa postos de descenso, ten cinco e figura en postos de descenso.                           

Outra das citas destacadas será o Rácing de Santander-Deportivo, na Segunda División. O estadio do Sardinero acolle o segundo e o terceiro clasificados da competición, empatados a dezaseis puntos, a só dous do líder, o Cádiz. Os dous veñen de perder na pasada xornada, o que provocou que o equipo gaditano accedese á cabeza da táboa.

O ‘En Xogo’ prestará tamén atención á polémica do VAR, recollerá as curiosidades da xornada e no último treito abrirá unha ventá a todo o fútbol galego para ofrecer os goles da Primeira, Segunda e Terceira Federación.
                                             
Retransmisións na G2 e AGalega.gal

A programación deportiva da Televisión de Galicia continuará na fin de semana con máis retransmisións. O sábado, a partir das seis e media da tarde, o fútbol tomará o mando na G2 cun novo derbi na Primeira Federación. O estadio Anxo Carro albergará o enfrontamento entre o Club Deportivo Lugo e o Celta Fortuna, que comezaron de distinto xeito a temporada. Mentres o Lugo trata de escapar da zona perigosa, o filial vigués é unha das alternativas ao potente Tenerife na pelexa polo ascenso directo á Segunda División. 

A plataforma AGalega.gal ten reservada, en exclusiva, para a fin de semana todo o fútbol da Segunda RFEF. O sábado, ás catro da tarde, as cámaras estarán no estadio do Couto para dar cobertura ao enfrontamento entre a Unión Deportiva Ourense e o Langreo. Xa o domingo, ás cinco, compartirán protagonismo dous encontros. No campo das Eiroas, o Bergantiños recibe o Burgos Promesas e na Ribela haberá derbi entre a Sarriana e o Coruxo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade