div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

O domingo, sesión continua de fútbol de Primeira na Radio Galega e AGalegaAudio.gal, cos partidos Deportivo-Valencia e Celta-Athlétic

‘Galicia en Goles’ retransmite o sábado a xornada de Primeira RFEF e o Breogán-Real Madrid de baloncesto

csag.gal 28/08/2026 12:04

Santiago, 28.08.2026.-    17 horas dedicará o equipo de deportes da Radio Galega a contar todo que suceda cos equipos da nosa comunidade na xornada deportiva. O venres, de 22:00 a 23:00 h, a edición informativa de ‘Galicia en Goles’ resumirá o Avilés-Pontevedra que abriu pola tarde a temporada da Primeira RFEF. O sábado e o domingo, o programa estará en antena ao mediodía, de 14:15 a 15:00 h, coa última hora, e a partir das 17:00 e ata as 00:00 h, coas retransmisións máis importantes do calendario.

A última fin de semana de agosto reserva emocións fortes para as últimas horas do domingo. Riazor acolle o segundo partido como local do Deportivo tras o regreso á Primeira División e faino sen coñecer aínda a derrota. O equipo de Antonio Hidalgo suma dous empates, con Pierre-Emerick Aubameyang, que se estreou por todo o alto como máximo goleador do equipo. Pola contra, o Valencia de Carlos Corberán só suma un punto tras un empate e unha derrota nas súas dúas primeiras citas en Mestalla.

Balaídos, mentres, pechará unha xornada grande para o fútbol galego cun Celta de Claudio Giráldez que disputa o seu terceiro partido en oito días, tras empatar en Mestalla e perder o xoves ante Osasuna por 1-2 tras comezar gañando co gol de Iago Aspas. Enfronte estará un Athlétic Club que vive un arranque complicado na nova era do adestrador alemán Edin Terzic, substituto de Ernesto Valverde no banco. Os vascos suman 0 puntos tras caer na casa ante o Sevilla e na súa visita ao Camp Nou ante o Barcelona, polo que chegan a Vigo coa urxencia de sumar os seus primeiros puntos do curso.

Á marxe do fútbol profesional, destaca na Primeira RFEF a visita do Club Deportivo Lugo ao Unionistas de Salamanca. Este verán as sensacións do equipo que prepara Borja Fernández convidan a soñar co obxectivo de entrar, polo menos, nos postos de promoción de ascenso á Segunda División.
    
Antes de que rode o balón na Primeira División, o ‘Galicia en Goles’ atenderá o partido de volta da final da Supercopa Galicia no campo de Oira entre o Auriense e o Negreira, coa referencia da ida no García Calvo con empate a dous goles. O balonmán tamén terá cobertura, coas finais masculina e feminina da Supercopa no pavillón de Tui.

A Primeira RFEF, na tarde do sábado

O sábado, a Radio Galega e AGalegaAudio.gal prestaranlle atención especial á histórica estrea da U. D. Ourense na Primeira RFEF, recibindo unha Ponferradina que chega á cita coa condición de aspirante ao ascenso, xunto con Mirandés e Cultural Leonesa, despois de quedar ás portas nas dúas últimas temporadas. O Rácing Club Ferrol tamén abre o curso encarando unha campaña de máxima ambición coa primeira parada en Getxo para visitar o Arenas. Tamén é un día importante para o Deportivo Fabril, que despois de proclamarse campión do seu grupo na Segunda RFEF, afronta o regreso á división de bronce viaxando a Mérida.

O baloncesto entra de cheo na pretemporada e os micrófonos da Galega estarán en Pontevedra co ‘Dream Game’ entre o Río Breogán e o Real Madrid. Os lucenses, que continúan un ano máis coa dirección de Luís Casimiro no banco, presentan un equipo con sete caras novas que tratan de conxuntarse para viaxar o día 12 a Bulgaria, onde se disputará a fase previa da Basketball Champions League.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade