O dobre crime de Betanzos e a desaparición do taxista ourensán Elías Carrera centrarán o 'Expediente Oculto' deste luns - CSAG
O dobre crime de Betanzos e a desaparición do taxista ourensán Elías Carrera centrarán o 'Expediente Oculto' deste luns
O programa (22:40 h) tamén porá o foco no aumento da poboación de xabarís salvaxes e os problemas que ocasionan

Santiago, 27.04.2026.- O programa ‘Expediente Oculto’ analiza esta semana un dos casos máis impactantes das últimas décadas en Galicia: o coñecido como o dobre crime de Betanzos. En setembro de 2008, unha parella enganchada ás drogas matou outra na súa vivenda a coiteladas e marteladas para roubar pouco máis de mil euros e a súa furgoneta. Foi un asasinato perfectamente planeado, perpetrado por unha parella de delincuentes que ademais acababan de ser pais, e que chegaron a trasladar partes dos corpos dos falecidos no carriño do seu bebé.
O programa tamén abrirá expediente pola desaparición do taxista ourensán Elías Carrera. Unha mañá do verán de 2013, despois de comer na súa casa, marchou para non volver, sen levar nin a documentación nin o móbil. Foi visto por última vez na estación de tren de Vigo, tras alugar un coche na súa cidade. Máis dunha década despois, a súa familia segue a buscalo sen pistas claras.
Ademais, o espazo da TVG presentado por Patricia Abet afondará unha problemática que cada vez condiciona máis as nosas vidas nas estradas e fóra delas: o aumento da poboación de xabarís salvaxes e os problemas que producen. É e que 7 de cada 10 accidentes viarios en Galicia están ocasionados polos xabarís, que provocan cada día nas estradas galegas preto dunha ducia de sinistros. Sen dúbida, é unha verdadeira praga coa que non parece doado loitar.
A nómina de colaboradores coa que contará ‘Expediente Oculto’ para tratar estes asuntos está formada por Xurxo Melchor, Berta Rodríguez, Xosé Ramón Santiago e José Antonio Vázquez Taín.