div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

Novo premio internacional para a película 'Decorado', desta volta no prestixioso festival 'Animation is Film'

Este Premio Especial do Xurado é o segundo recoñecemento estadounidense para o filme, que xa obtivo unha mención especial na súa estrea mundial no Fantastic Fest

A cinta, participada por Televisión de Galicia, chega aos cines galegos este venres 24 de outubro 

Alberto Vázquez, director de éxitos como ‘Birdboy’, ‘Psiconautas’ e ‘Unicorn Wars’ asina unha fábula escura e hipnótica sobre o control social e o artificio da vida

csag.gal 22/10/2025 12:28

Santiago, 22.10.2025.-    O filme ‘Decorado’, dirixido por Alberto Vázquez e apoiado pola Corporacion de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG), acaba de recibir un novo reconocimiento internacional, o Premio Especial do Xurado no ‘Animation is Film’, o prestixioso festival estadounidense que ten lugar esta semana en Os Ánxeles (California), posicionado como un dos encontros de animación máis importantes a escala global.

Este é o segundo recoñecemento estadounidense que ‘Decorado’ recibe en menos dun mes, xa que obtivo unha mención especial tras a súa estrea mundial no Fantastic Fest, un dos festivais do xénero máis importantes do mundo, que se celebrou en Austin (Texas, EUA). Estes dous galardóns auguran á película un moi bo percorrido de cara á súa estrea nos cines este venres 24 de outubro e á súa traxectoria polos festivais e certames do sector. 

Alberto Vázquez, responsable de éxitos como ‘Birdboy’, ‘Psiconautas’ e ‘Unicorn Wars’ e gañador de catro Premios Goya, asina unha fábula escura e hipnótica sobre o control social, o artificio da vida e a fraxilidade das nosas certezas. A cinta combina sátira, surrealismo e humor negro, cun enfoque mordaz sobre a existencia humana. 
     
O protagonista de ‘Decorado’ é un cidadán aparentemente corrente que comeza a sospeitar que todo ao seu arredor -o seu traballo, a súa parella, a súa cidade- forma parte dunha xigantesca farsa. O que parece unha paranoia cotiá convértese nunha fuxida desesperada cara a algo que se pareza, aínda que sexa un pouco, á liberdade.

Percorrido internacional

O filme tivo a súa estrea mundial en setembro na Sección Oficial do Fantastic Fest, onde acadou unha Mención Especial. Ottawa foi a seguinte parada do proxecto, á que seguiu a presentación no Festival de Sitges, e logo no BFI, o London Film Festival. A isto súmase agora a súa premiada participación no 'Animation is Film'.

Televisión de Galicia segue apostando polo cine e confirmando cada ano a súa participación en novos proxectos. ‘Decorado’ foi unha das películas seleccionadas na convocatoria de apoio ao cine desenvolvida no 2024.  Con guión de Alberto Vázquez e Francesc Xavier Manuel, ‘Decorado’ é unha produción de Abano Producións, Uniko, The Glow, María y Arnold A.I.E e Sardinha Em Lata. O proxecto conta co respaldo de TVG, RTVE, ETB, Movistar Plus+, ICAA, Agadic, a Deputación de Badaxoz, o Goberno Vasco e a Deputación Foral de Biscaia. A prestixiosa distribuidora Le Pacte encargarase das vendas internacionais da película.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
NOTICIAS CORPORATIVAS

div-crtvg-top2

Publicidade