Nova fase de 'Recantos' esta noite en 'Luar', que conta coa música de Sabela, La Década Prodigiosa e Hydn - CSAG
Nova fase de 'Recantos' esta noite en 'Luar', que conta coa música de Sabela, La Década Prodigiosa e Hydn
Esta edición, dedicada á beleza, achegará tamén as actuacións musicais da Orquestra Fuego e Brisas do Quenllo, e co humor de Todo Mal e Sabela Grilo

Santiago, 20.3.2026.- O ‘Luar’ (21:40 h) xira este venres arredor da beleza, nunha noite en que son ingredientes principais a música, o humor e o entretemento en directo. O programa conducido por Xosé Ramón Gayoso e Aitana del Mar dará comezo hoxe á cuarta fase do concurso ‘Recantos’, que sorprenderá cunha nova mecánica.
No escenario destacará a actuación da galega Sabela Silva, que interpretará ‘Arriba o mundo’. Sobresae tamén a presenza de La Década Prodigiosa, formación icónica do pop español dos anos 80 e 90, que ofrecerá temas como ‘Fiesta especial’ e ‘A pasarlo muy bien’.
As propostas musicais completaranse cos temas festeiros da Orquestra Fuego, da asociación cultural Brisas do Quenllo, que traerá a peza tradicional ‘Carballesa do Courel’, e de Hydn, artista coruñesa precursora do galenglish, que presentará o seu novo sinxelo ‘Taste’, unha aposta por un pop galego contemporáneo e global, con influencias do R&B e do pop dos anos 2000.
Outra das grandes citas deste venres será o concurso ‘Recantos’, que inicia a súa cuarta fase cunha nova mecánica baseada en duelos directos. Nesta nova etapa, dous participantes enfrontaranse para conseguir o pase á seguinte rolda: Fran Vázquez (Bergantiños-Costa da Morte) e Cris (Lugo Sur), ante o xurado formado por Boris Izaguirre, Nuria Lorenzo e Manuel de Andrade.
Cómpre salientar a participación no espectáculo de Eddy Insua e a súa moza, Violeta Crespo, que impartirán unha clase de ‘Pulso Activo’ e animarán un concurso de lip-sync, técnica consistente en sincronizar o movemento dos beizos cun audio, inspirado no dúo Pimpinela. Ademais, interpretarán ‘Al compás de una muiñeira’.
E finalmente, a noite gozará co talento humorístico de María Foscaldo, que dará vida ao seu personaxe Sabela Grilo, e do dúo artístico Todo Mal, formado por Carla e Marcos.