Noite de humor na TVG, cunha nova entrega de 'Por Rober abandónasme' - CSAG
Noite de humor na TVG, cunha nova entrega de 'Por Rober abandónasme'
O programa (21:45 h) achegará, entre outras, as divertidas historias protagonizadas por Dosinda, a panadeira Nieves e a familia de mariscadores

Santiago, 30.07.2026.- A TVG propón este xoves unha nova noite de humor da man de Roberto Vilar co programa ‘Por Rober abandónasme’, unha escolma de sketchs protagonizados por algúns dos personaxes máis queridos do universo do ‘Land Rober’. Os espectadores rirán coas solucións que lles buscan á actualidade as personaxes interpretadas, entre outros, por Eva Iglesias e Roberto Vilar.
Deste xeito, a audiencia reencontrarase con Dosinda, que terá un encontrón cun axente de patrimonio que lle di que non se pode colgar a roupa nos hórreos; coa panadeira Nieves, que está mal do lumbago e se atopa co seu médico, que comeza a quitarlle o traballo ao dicirlle a todos os clientes que non poden comer pan, e coa familia de mariscadores, que terán un deja vu con Josiño, que se levanta da cama coa idea de ser o novo Mesías.
A selección incluirá tamén sketchs sobre unha dieta que consiste en beber oito litros de auga ao día; sobre un xubilado que quere correr un maratón de 42 quilómetros; sobre a entrega dun premio ‘Desecafé’, un soldo para toda a vida; sobre dous cuñados que viaxan ata Guadalaxara, en México, para ver un partido de fútbol de España; sobre un matrimonio que acolle na súa casa o noivo da súa filla mentres ela está nos EUA, e sobre un home que vai visitar o seu pai a unha residencia, pero non conseguen atopalo.