Na última semana de xuño, AGalega.gal estrea a curtametraxe '1977' e a serie 'Double parked' - CRTVG
Na última semana de xuño, AGalega.gal estrea a curtametraxe '1977' e a serie 'Double parked'
Á plataforma dixital da CRTVG chegarán tamén a terceira temporada do programa ‘Raíña-me’, co artista Mondra como protagonista,
e unha nova entrega do espazo ‘A nosa movida’, dedicada ao grupo De Ninghures

Santiago, 25.06.2025.- A plataforma AGalega.gal estrea este mércores a terceira temporada do programa ‘Raíña-me’, en que a artista e performer Alexa Evans abre cada semana as portas do seu Odragoiro a un convidado ou convidada especial para transformar o seu aspecto por completo e comprobar, con retos sorprendentes e entrevistas lixeiras, se teñen o que fai falta para converterse nunha raíña do ‘drag’. A primeira entrega desta nova temporada terá como protagonista o cantareiro e bailador Mondra, que intentará transformar o Odragoiro na foliada máis draga ata a data.
Ese mesmo día, a canle dixital da CRTVG publicará a terceira entrega do espazo ‘A nosa movida’, dedicada ao grupo De Ninghures, e porá a disposición cinco novos capítulos do anime para adultos ‘Samurai Champloo’.
Outra das estreas destacadas desta última semana de xuño en AGalega.gal será a curtametraxe ‘1977’, dispoñible desde o xoves 26. Nesta cinta documental, a directora Peque Varela relata as súas propias dificultades coa sexualidade e a identidade de xénero. A través dun relato alegórico que se desenvolve nunha pequena cidade, os espectadores coñecerán o nó que medra dentro dunha nena que busca repostas para o seu malestar.
Ao día seguinte, venres 27 de xuño, chegará á plataforma dos medios públicos galegos a serie neozelandesa ‘Double parked’, protagonizada por Nat e Steph, unha parella homosexual que queda perplexa cando, tras unha decepcionante visita á clínica de fertilidade e un fracaso de inseminación caseira, as dúas quedan embarazadas á vez. A serie, que se publicará ao completo, é a primeira que se ofrecerá en versión orixinal subtitulada ao galego.
E o domingo 29 poranse á disposición cinco novas entregas do programa ‘Pais en apuros’. Presentado por María Mera, o formato pretende darlles resposta ás dúbidas dos pais e nais de Galicia dun xeito didáctico e divertido.
Ademais, desde este luns está dispoñible en AGalega.gal a sección ‘Conta atrás para Miss Vaca 2025’, que inclúe vídeos das vacas participantes na edición deste ano do concurso de ‘Luar’, cuxa final se celebrará o vindeiro venres, e outros contidos relacionados con este evento.
En canto ao catálogo cinematográfico, esta semana ampliarase co filme de ciencia ficción ‘A colonia’ (martes 24), que estará dispoñible durante 30 días e en que, nun futuro non moi afastado, unha colonia no espazo envía un grupo de astronautas á Terra nunha misión chave para o seu futuro, e a película ‘Tenor’ (sábado 28), accesible durante 15 días e que ten como protagonista un repartidor de sushi que vive nun barrio marxinal de París e cuxa vida cambia cando coñece unha eminente profesora de ópera.
