div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

María Mera, Luís Iglesia e Xoán Fórneas, convidados nunha espectacular gala de 'Bailamos' que arrancará coa agardada coreografía grupal dos 12 concursantes

Bailarán xuntos ao ritmo do ‘Waterloo’ de ABBA e afrontarán a gala sabendo que os catro últimos da clasificación desta noite
quedarán en primeira liña para os próximos nomeamentos

csag.gal 11/04/2026 00:01

Santiago, 11.4.2026.-   Na entrega deste sábado de ‘Bailamos’ (21:55 h), os concursantes vivirán unha noite decisiva, en que bailarán por primeira vez en grupo, recibirán consellos de grandes estrelas da televisión e comezarán a mentalizarse sobre os nomeamentos da vindeira gala.

O programa comezará cun arranque pouco habitual: o sofá aparecerá baleiro, anticipando unha noite diferente que dará paso á primeira gran coreografía grupal da edición. Os doce concursantes unirán forzas para cumprir un dos soños de Poty: bailar o ‘Waterloo’ de ABBA nun número conxunto que, aínda que non puntuará, será clave para medir a cohesión e a actitude do grupo.

A semana estará marcada pola aprendizaxe interpretativa grazas á visita de dous rostros moi coñecidos da casa: María Mera e Luís Iglesia, exconcursantes da edición ‘Celebrity’, que ofrecerán unha clase maxistral centrada na expresión, o control emocional e a conexión coa cámara. Un coaching intensivo que buscará elevar o nivel artístico dos participantes nun momento crucial da competición.

Pero as sorpresas non rematarán aí. Durante a gala, e sen que os concursantes o saiban, ‘Bailamos’ recibirá a visita dun artista moi especial: o actor e músico Xoán Fórneas, autor de ‘Ferido’, un dos temas que se interpretan esta semana. A súa aparición coincidirá coa actuación de Álex e Paulo, que terán que afrontar ademais un esixente reto interpretativo ao representar unha historia de amor, traballada intensamente durante os ensaios.

Precisamente Álex será protagonista tamén no plano persoal. As palabras de Noelia na pasada gala deixaron pegada, e a súa relación atravesa un momento delicado que derivará nun enfrontamento que os espectadores verán durante o programa. Arturo intentará mediar para reconducir a situación nun contexto en que a xestión emocional se volve cada vez máis importante. Conseguirá que se comprendan?

A nivel competitivo, esta será a última gala sen nomeados. Ao remate da noite, os catro concursantes peor clasificados converteranse en firmes candidatos á expulsión, elevando a presión ao máximo. Ademais, repetirase a votación en negativo entre participantes, e o máis sinalado recibirá unha penalización de -3 puntos, o que pode alterar a táboa.

Ademais, a esixencia do xurado continuará en aumento. Jaime Pablo Díaz manterá a súa liña dura, aínda que tamén haberá espazo para o recoñecemento: unha das actuacións será cualificada como “marabillosa”, destacando pola súa execución e interpretación. De cal se tratará? 
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade