Huesca-Deportivo e Básket Coruña-Obradoiro, esta fin de semana en directo na primeira canle da TVG e en AGalega.gal - CSAG
Huesca-Deportivo e Básket Coruña-Obradoiro, esta fin de semana en directo na primeira canle da TVG e en AGalega.gal
A G2 emitirá o sábado o derbi da Primeira Federación de fútbol entre o Ourense C. F. e o C. D. Lugo, e o domingo, a Clásica de Padrón de ciclismo

Santiago, 10.04.2026.- A primeira canle da Televisión de Galicia e a plataforma AGalega.gal programan para esta fin de semana dous eventos de primeiro nivel no mundo do deporte. O primeiro celébrase no Coliseum o sábado ás 19:00 h, co Básquet Coruña e o Obradoiro xogando o ascenso directo á Liga ACB de baloncesto. O equipo de deportes ten preparada unha ampla despregadura que comezará ás 15:00 h, coa emisión desta sección do ‘Telexornal Mediodía’ desde a pista central. A presentadora Irene Lourido estará acompañada polo director deportivo do Básquet Coruña, Charlie Uzal; o director xeral do Obradoiro, Héctor Galán, e o ex-xogador Miguel Juane. Minutos antes das sete comezará a retransmisión do derbi provincial, coa narración de Tomás Alonso e os comentarios de Edgar Paz.
O domingo, a TVG continúa acompañando o Deportivo da Coruña neste treito final da temporada, onde se decide o ascenso directo e as prazas de playoff á Primeira División. Os espectadores da primeira canle e de AGalega.gal poderán gozar, desde as 16:00 h, da visita do equipo herculino ao Huesca no estadio Alcoraz. Óscar Benito encargarase da narración dos 90 minutos, arroupado polos comentarios da ex futbolista Miriam Ríos e do adestrador Tito Ramallo.
A falta de oito xornadas para que remate a liga regular de Segunda División, a clasificación está moi apertada, con oito equipos aspirando ás seis primeiras prazas. Tras o empate ante o Málaga, os coruñeses caeron á terceira praza, con 60 puntos, a un do segundo clasificado, o Almería, e a só dous do líder, o Rácing de Santander. Tendo en conta que os dous primeiros se enfrontan esta fin de semana, o Deportivo ten na súa man entrar nos postos de ascenso directo, sempre e cando sume os tres puntos.
As ligas da Federación
O fútbol da Primeira, Segunda e Terceira RFEF tamén estará presente durante a fin de semana nas emisións das distintas canles da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia. O sábado, a partir das 16:15 h, a G2 ofrecerá desde o estadio do Couto o derbi galego entre o Ourense C. F. e o Club Deportivo Lugo.
Mentres, a plataforma AGalega.gal terá dobre sesión o domingo, con tres atractivos partidos. A partir das 12:00 h, Fabril Deportivo e Unión Deportiva Ourense disputan o derbi rexional nun escenario de primeira: o estadio municipal de Riazor. De gañar, o filial branco e ezul obtería o ascenso virtual, que podería ser definitivo horas máis tarde se non suma os tres puntos o Oviedo Vetusta. Pola tarde, desde as 18:00 h, compartirán a multipantalla dous encontros destacados da Segunda e Terceira RFEF: o Bergantiños-Sarriana, desde As Eiroas, e o Arousa-Compostela, no campo da Lomba.
Ciclismo da Pascua en Padrón
A Clásica da Pascua de Padrón fai 63 anos e a segunda canle da Televisión de Galicia e AGalega.gal réndenlle tributo coa retransmisión da carreira desde as 11:30 h do domingo. Andrés Vieites encargarase da narración do evento, acompañado nos comentarios polo ex ciclista Samuel Blanco. En total, os corredores percorrerán 164 quilómetros, coa saída e a chegada no campus tecnolóxico Cortizo.
‘En Xogo’
O domingo, ás 22:30 h na G2 e logo da medianoite na TVG, o programa ‘En Xogo’ resumirá todo o acontecido na xornada. Gustavo Varela analizará con Roberto Lago, Dani Mallo e Xabier Rodríguez Campos os partidos Celta-Oviedo, Huesca-Deportivo e todo o calendario dos equipos galegos na Primeira, Segunda e Terceira RFEF.