Grandes retos esta noite para os concursantes de 'A Liga dos Cantantes Extraordinarios' - CSAG
Grandes retos esta noite para os concursantes de 'A Liga dos Cantantes Extraordinarios'
Virginia, a gañadora da semana pasada, fará un dúo con Diego Meza, Sabela afrontará un cambio de rexistro radical e o venezolano Yey asumirá o maior desafío cantando por primeira vez en galego

Santiago, 22.11.2025.- A TVG ofrece esta noite a segunda entrega da sétima temporada de ‘A Liga dos Cantantes Extraordinarios’ (22:00 h), o programa en que oito intérpretes galegos aspiran a converterse no mellor de Galicia e triunfar na verbena galega. Para isto están apadriñados por catro das mellores orquestras do país: Panorama, París de Noia, Los Satélites e Olympus.
Tras a vitoria de Virginia a semana pasada, tocaralle agora facer un dúo co seu compañeiro Diego Meza. Sabela, a outra gran finalista, tamén afrontará retos neste programa, facendo un cambio de rexistro radical. Pero dos oito concursantes será o venezolano Yey o que encare o maior desafío cantando por primeira vez en galego.
As súas actuacións serán avaliadas, coma sempre, polo xurado formado por Iago Pico, Carolina Rubirosa, Roi Casal e Antón Reixa, catro profesionais que achegan unha ollada ampla e experta sobre o talento galego.