Eva Iglesias e María Mera regresan cunha nova temporada de 'Malas Pécoras', o primeiro 'talk show' sobre sexo e relacións da TVG - CSAG
Eva Iglesias e María Mera regresan cunha nova temporada de 'Malas Pécoras', o primeiro 'talk show' sobre sexo e relacións da TVG
No primeiro programa, dedicado aos inicios do amor e ás primeiras citas, os cómicos Xosé A. Touriñán e David Perdomo serán os convidados no estudio, e Roi Méndez estrearase como ‘detective sexual’

Santiago, 20.06.2026.- O programa ‘Malas Pécoras’ (22:00 h) regresa este sábado á TVG cunha segunda temporada que reforza a súa esencia: unha auténtica noite de festa entre amigas onde se fala sen filtros sobre sexo, amor e relacións. María Mera e Eva Iglesias volven abrir as portas dun espazo que mestura entrevistas desinhibidas, xogos, retos, divulgación e historias reais para abordar con humor temas que forman parte da vida de todos.
Nesta nova entrega do talk show que máis deu que falar nas redes sociais e na rúa, os convidados convértense nos grandes protagonistas, compartindo experiencias e confesións. A interacción co público e as situacións inesperadas seguen sendo unha das marcas de identidade dun formato próximo, fresco e recoñecible, co que a audiencia conecta de maneira natural.
Como novidade, estréase como colaborador do programa Roi Méndez, o ‘detective sexual’, quen achegará unha visión curiosa e cómica do universo das relacións a través de investigacións e pezas propias, tanto dentro como fóra do estudio.
Nesta segunda temporada, ‘Malas Pécoras’ contará cunha ampla variedade de convidados, entre os que destacan os actores e cómicos David Perdomo e Xosé A. Touriñán, o cantante Mario Vaquerizo ou a presentadora Aitana del Mar.
Ademais, entre as persoas expertas, ‘Malas Pécoras’ recibirá sexólogas, terapeutas de parella, antropólogas e psicólogas, así como profesionais como a matrona Lidia Lestegás e o cirurxián plástico Alejandro Quinto, que achegarán unha visión profesional, divulgativa e próxima sobre cuestións relacionadas co sexo e o amor.
O primeiro programa da temporada
Xosé Antonio Touriñán e David Perdomo inauguran a nova temporada de ‘Malas Pécoras’ cun programa dedicado aos inicios do amor e ás primeiras citas. Os protagonistas do show de humor ‘Amoriños’ chegarán a estudio dispostos a compartir anécdotas persoais, confesións inesperadas e moito humor arredor desas primeiras experiencias sentimentais que todos vivimos algunha vez.
Ao longo da noite, os convidados participarán en diferentes xogos e retos que darán pé a revelacións tan divertidas como inesperadas. Así, haberá espazo para falar das peores citas, das relacións actuais e da atracción, e mesmo para poñer a proba un sorprendente perfume de feromonas que promete deixar momentos de moita risa.
Roi Méndez estrearase como ‘detective sexual’ cunha investigación sobre un coñecido rostro da TVG que foi visto visitando un motel. Conseguirá descubrir toda a verdade antes de que remate o programa?
Ademais, o programa da TVG contará coa participación da psicóloga Ana Castro, que axudará os espectadores a entender mellor como funciona a atracción, por que repetimos determinados patróns nas relacións e que claves poden contribuír a construír parellas máis fortes e duradeiras.
