Este xoves a Radio Galega acompaña o Celta a Stuttgart no regreso a Europa - CSAG
Este xoves a Radio Galega acompaña o Celta a Stuttgart no regreso a Europa
Desde as oito do serán, edición especial de ‘Galicia en goles’ ata a medianoite

Santiago, 24.9.2025.- O Celta volve á competición continental de fútbol e faino acompañado pola Radio Galega. O xoves, ás oito do serán, os micrófonos de ‘Galicia en goles’ estarán no MHP Arena para contar o primeiro partido da fase de grupos para o equipo de Claudio Giráldez na Europa League. O rival é o Sttutgart alemán, que tras catro xornadas na Bundesliga suma seis puntos, con dúas vitorias e dúas derrotas, cinco goles a favor e outros cinco encaixados.
Víctor López encargarase da narración dos noventa minutos de xogo, cos comentarios dos adestradores Jose Valtierra e Moncho Carnero, xunto á análise arbitral de ‘Mr Asubío’. Mentres, Gonzalo Alonso visitará co micrófono sen fíos os afeccionados que seguirán o partido desde distintos lugares de Vigo. Na última hora, os oíntes poderán escoitar a rolda de prensa do adestrador, xunto a entrevista co xogador máis destacado.
O Celta afronta a estrea na Europa League tras sumar cinco empates a un gol en seis xornadas do campionato de liga. A última igualada foi en Vallecas ante o Raio, con Borja Iglesias de novo protagonista ao marcar o gol galego.
Na fin de semana o ‘Galicia en goles’ dedicará a edición do venres ao fútbol da Primeira Federación desde as oito e media do serán, coa cobertura dos partidos Talavera-Lugo e Rácing de Ferrol-Guadalajara. Tamén estará presenta a liga de balonmán feminino, co Guardés-Bera Bera desde A Sangriña.
Xa o sábado, a partir das dúas e cuarto, Roberto Carlos Carballo poñerá en marcha a maquinaria da información deportiva coa visita do líder da Segunda División, o Deportivo, a Ipurúa para enfrontarse ao Eibar. Antes haberá derbis da Primeira RFEF entre o Ourense C. F. e o Pontevedra, no Couto, e o Celta Fortuna e o Arenteiro, en Vigo.
O domingo, a edición matinal xirará arredor do Breogán-San Pablo, a unha semana do comezo da Liga ACB de baloncesto. A partir das dúas e cuarto, o Elxe-Celta centrará a sesión de tarde desde o estadio Martínez Valero.