Dobre triunfo galego no Festival de Xixón para 'Así chegou a noite' e 'As liñas descontinuas' - CSAG
Dobre triunfo galego no Festival de Xixón para 'Así chegou a noite' e 'As liñas descontinuas'
A primeira, producida coa participación da Televisión de Galicia, obtén o premio á Mellor Dirección, mentres que ‘As liñas descontinuas’ é recoñecida co galardón ao Mellor Guión

Santiago, 24.11.2025.- O Festival Internacional de Xixón acaba de destacar o talento audiovisual galego con dous importantes recoñecementos para dúas longametraxes participadas pola Televisión de Galicia, ‘Así chegou a noite’, de Ángel Santos, e ‘As liñas descontinuas’, de Anxos Fazáns.
O cineasta pontevedrés Ángel Santos foi distinguido co premio á Mellor Dirección na Sección Internacional Albar pola súa última longametraxe, ‘Así chegou a noite’, que contou coa participación da TVG e que este domingo clausurará Cineuropa, en Santiago, na súa estrea galega.
A película, estreada mundialmente en Xixón, supón o regreso de Santos á dirección unha década despois de ‘As altas presións’ (2014). Trátase dun drama intimista rodado en localizacións da provincia de Pontevedra, onde un escultor se instala nunha remota zona rural da costa galega e inicia un proceso de illamento que se interrompe coa chegada dunha antiga amante.
O proxecto naceu da man de Andrea Vázquez (Miramemira) e continúa agora da man de Maruxiña Film Co, produtora do cineasta Alfonso Zarauza. A produción complétase con Amateurfilms, do propio Ángel Santos, e con Matriuska Producións, de Daniel Froiz. A cinta conta co apoio de Agadic, da Deputación de Pontevedra e da Televisión de Galicia.
Mellor Guión para ‘As liñas descontinuas’
Pola súa banda, Anxos Fazáns e Ian de la Rosa recibiron o premio Dama ao Mellor Guión por ‘As liñas descontinuas’, longametraxe tamén participada pola TVG. O filme, rodado integramente en galego en Marín e Vigo e coproducido pola compañía galega Sétima, viviu hai uns días a súa estrea mundial na 29ª edición do Tallinn Black Nights Festival, onde tamén competía na sección oficial.
A protagonista de ‘As liñas descontinuas’ é unha muller de 50 anos que está nun proceso de separación e debe abandonar o fogar familiar. O seu encontro fortuíto cun universitario de 28 anos é utilizado pola directora para falar de precariedade laboral, de falta de oportunidades, de transexualidade e de novos camiños.
Esta longametraxe de Fazáns inaugurará en decembro o Festival Novos Cinemas de Pontevedra, que precisamente clausurará ‘Así chegou a noite’, consolidando así a forte presenza do cinema galego nos principais certames internacionais e autonómicos.