Con máis tensión e nervios ca nunca, os concursantes de 'Bailamos' afrontan unha noite decisiva en que comezará a definirse o camiño cara á final - CSAG
Con máis tensión e nervios ca nunca, os concursantes de 'Bailamos' afrontan unha noite decisiva en que comezará a definirse o camiño cara á final
O cantante e bailarín Jorge González incorpórase ao xurado nunha gala en que se coñecerán os primeiros candidatos a seren expulsados

Santiago, 18.04.2026.- O programa de ‘Bailamos’ que a TVG ofrece este sábado (22:00 h) estará dominado pola incerteza tras o acontecido a pasada semana, en que Poty abandonaba o estudio en plena emisión. A grande incógnita sobrevoa o programa: volverá nesta gala? A noite arrancará así cun ambiente de máxima tensión, cos concursantes marcados polas puntuacións da gala anterior e polos conflitos abertos, especialmente o enfrontamento entre Paulo e o xurado e a lembranza da tensión entre Álex e Noelia.
Pero ‘Bailamos’ tamén é superación e espectáculo, e esta semana contará cun convidado moi especial: o cantante e bailarín Jorge González, que visitará os concursantes na academia para asesoralos durante os ensaios e, por sorpresa, permanecerá no programa como membro do xurado durante toda a gala. A súa experiencia previa sobre o escenario servirá de guía para afrontar unha das noites máis esixentes da temporada.
No plano artístico, o programa continúa elevando o nivel coa incorporación de novos estilos, coma o tango, e coreografías cada vez máis complexas en que a interpretación cobra un papel fundamental. O xurado, cada vez máis esixente, combinará eloxios con advertencias claras.
A nivel emocional, o ‘Bailamos’ desta semana deixará momentos inesquecibles. Ángel vivirá unha das sorpresas da edición ao recibir a visita da súa avoa Lourdes, protagonista dun encontro cheo de tenrura, humor e significado persoal. Tamén haberá presenza destacada das familias, como a nai de Loli, e confesións moi íntimas dos concursantes, que por primeira vez revelarán que farían co premio de 10.000 euros. Mentres tanto, a convivencia segue xerando moitos titulares: rumores de relacións entre concursantes, distanciamentos dentro do grupo e reflexións tras conflitos recentes.
No eido competitivo, a gala suporá un punto de inflexión, xa que ao remate da noite coñeceranse os catro primeiros nomeados, que se converterán en candidatos á expulsión na vindeira semana, elevando a presión ao máximo. Entre as actuacións máis destacadas, os espectadores verán propostas cheas de enerxía como a samba brasileira de Hemellyn e Paco, a intensidade interpretativa de Noelia e Paulo ou a evolución de Álex, que buscará superar as súas mellores puntuacións. Tampouco faltarán os portés máis espectaculares nin números que prometen conquistar o xurado e o público.
Así pois, con máis nervios ca nunca, os concursantes de ‘Bailamos’ afrontan unha noite decisiva en que cada paso conta e en que o camiño cara á final comeza a definirse.