Comeza o concurso 'puro e duro' en 'Bailamos', coa estrea de dúas novas categorías e un nivel prometedor - CSAG
Comeza o concurso 'puro e duro' en 'Bailamos', coa estrea de dúas novas categorías e un nivel prometedor
A orquestra Olympus abrirá a gala, e os Trazantes de Tenorio levarán o baile e a tradición galega á pista

Santiago, 06.09.2026.- A Televisión de Galicia ofrece este domingo a segunda gala da nova temporada de ‘Bailamos’ (22:25 h), a primeira en que os 14 concursantes oficiais se enfrontarán á competición ‘pura e dura’. Por primeira vez bailarán en parella e, ao remate da noite, o xurado terá que ordenar os participantes do 1 ao 14. A partir de agora, cada punto conta.
A gala arrancará coa actuación da orquestra Olympus e a tradición galega terá un espazo especial coa actuación dos Trazantes de Tenorio, que reivindicarán o noso baile e a nosa música tradicional. Poty e Mattia atreveranse ademais coa súa primeira muiñeira. Serán capaces de seguir os pasos?
‘Bailamos’ estrea ademais dúas novas categorías. Alis será a primeira en enfrontarse ao ‘Playback’, meténdose na pel da mesmísima Beyoncé. Non só terá que bailar, senón que tamén deberá interpretar e converterse na estrela. Na categoría ‘Celebrity’, Mattia Vlad bailará xunto ao vigués Juanogy, e ademais permanecerá durante toda a gala xunto ao xurado. Os dous interpretarán ‘I Just Smile’, de Bruno Mars, nun reto en que Mattia terá que conseguir que a súa parella brille.
‘Nivelazo’, ‘Folk’, ‘De cine’, ‘Verbena’, ‘Revival’ e ‘Sexy’ serán os estilos desta primeira noite de competición. Entre eles, Martín e Noelia bailarán ‘La chica yeyé’, de Concha Velasco, unha actuación que agocha unha curiosidade: Poty xa traballara esta coreografía coa propia Concha Velasco e con Marta Sánchez. Como será agora esta versión?
E mentres Emma e Mauro se enfrontan á verbena, Gisela e Brais bailarán ‘Superestrella’, de Aitana, e Febres e Marinés, os venezolanos máis galegos, levarán ‘Pretty Woman’ á pista. A noite tamén deixará ver o que hai detrás de cada actuación, e Sara contará o seu ritual antes de saír ao escenario.