Bruno e Borjamina, dous dos Mozos de Arousa, levan hoxe 'A Superfesta' á multitudinaria romaría do San Benitiño de Lérez - CSAG
Bruno e Borjamina, dous dos Mozos de Arousa, levan hoxe 'A Superfesta' á multitudinaria romaría do San Benitiño de Lérez
As reporteiras do programa coñecerán outras festas de San Bieito en Allariz, Gondomar, Meis, Ourense e Forcarei

Santiago, 16.7.2025.- Os Mozos de Arousa volven este mércores á Televisión de Galicia cunha nova aventura en ‘A Superfesta’ (22:20 horas). Nesta ocasión, Bruno e Borjamina estarán presentes na multitudinaria romaría do San Benitiño de Lérez, en Pontevedra. E as reporteiras do programa percorrerán outras festas importantes de San Bieito. Que nota lle porán os mozos a esta celebración? Saberase ao final do programa.
Desde a romaría de San Benitiño de Lérez, Bruno e Borjamina avaliarán as tradicións, a troula e a gastronomía dunha festa de toda a vida que atrae cada ano milleiros de devotos. Estes Mozos de Arousa terán a oportunidade de coñecer a historia do aceite milagreiro de san Benitiño, ideal para as verrugas e as enfermidades da pel, e de falar cos fieis que chegan de todas partes de Galicia. Pero tamén gozarán dos mexillóns e a empanada do San Benitiño e cantarán e bailarán a carón do río Lérez.
E as reporteiras do programa, Adela Bértolo, Jose Torres e Laura Vecino, pasarán por outras festas de San Bieito moi recoñecibles por todos. Deste xeito viaxarán a Allariz, Gondomar, Meis, Ourense e Forcarei. Ao final do programa, e con toda a información dispoñible sobre o San Benitiño, Bruno e Borjamina procederán ás votacións desta gran festa.
Estas celebracións serán avaliadas ao final da temporada polo público, que votará pola súa favorita a través das redes sociais do programa. Estes votos, sumados ás puntuacións dos Mozos de Arousa, serán fundamentais para saber cal é ‘A Superfesta’ do verán. Pero antes de que todo iso pase, haberá que estar atentos ao programa de San Benitiño na Televisión de Galicia.