Barcelona-Celta, un dos partidos máis atractivos da xornada de Primeira División, este mércores en directo na RG e en AGalegaAudio.gal - CSAG
Barcelona-Celta, un dos partidos máis atractivos da xornada de Primeira División, este mércores en directo na RG e en AGalegaAudio.gal
Os dous equipos retoman a Liga tras quedaren eliminados nas competicións europeas

Santiago, 21.04.2026.- A Radio Galega e a plataforma AGalegaAudio.gal ofrecen este mércores, desde as 21:00 h, un dos partidos máis atractivos da xornada 33 da Primeira División. O Celta de Vigo visita o renovado Camp Nou co obxectivo de seguir aspirando á quinta praza, que podería conducir á Champions dependendo dos coeficientes finais do fútbol español nas competicións europeas.
O encontro ten un sabor particular para ambos os dous clubs. O F. C. Barcelona, líder indiscutible da Primeira División con 76 puntos e 7 de vantaxe sobre o Real Madrid, afrontou hai apenas oito días a durísima eliminación nos cuartos de final da UEFA Champions League. O equipo de Hansi Flick caeu fronte ao Atlético de Madrid por un global de 3-2, malia que chegou a igualar no Metropolitano, con goles de Lamine Yamal e Ferran Torres, o 0-2 da ida.
O R. C. Celta de Vigo, pola súa parte, viviu o xoves pasado en Balaídos unha noite marcada pola épica e a dor da eliminación na UEFA Europa League. O conxunto de Claudio Giráldez, que fixera un percorrido histórico ao superar o PAOK e o Lyon, topouse cun Friburgo demasiado poderoso: o 6-1 no global deixou os celestes fóra das semifinais, pero cunha afección que lles tributou aos seus xogadores case un cuarto de hora de aplausos na bancada.
Para vivir este encontro, a Radio Galega programa unha edición especial de ‘Galicia en Goles’, o programa deportivo máis veterano e seguido da radio pública galega. A emisión arrancará puntualmente ás 21:00 h e prolongarase ata a medianoite, ofrecendo toda a previa, a retransmisión íntegra dos 90 e, ao remate, a rolda de prensa do adestrador celeste Claudio Giráldez. Ao mando da despregadura estará Roberto Carlos Carballo, con Víctor López na narración e un equipo de comentaristas integrado por Moncho Carnero, Xosé Ramón Valtierra e Mr. Asubío.
O Barcelona-Celta poderase escoitar a través das frecuencias de Radio Galega en toda Galicia e en calquera lugar do mundo a través da plataforma AGalegaAudio.gal, de acceso libre e gratuíto.
Durante o programa, o ‘Galicia en Goles’ tamén atenderá o encontro de baloncesto que disputan no Coliseum o Básquet Coruña e o Menorca. As últimas derrotas do equipo herculino fan case imposible o ascenso directo á Liga ACB, pero a súa obriga é sumar as vitorias nas últimas tres xornadas, á espera de que o novo líder, o Obradoiro de Santiago, sufra polo menos dúas picadas nas catro citas que ten por diante para o remate da competición regular.