As propostas de AGalega.gal para a última semana de novembro xiran arredor da 18ª edición de Culturgal e do Día da Eliminación da Violencia contra a Muller - CSAG
As propostas de AGalega.gal para a última semana de novembro xiran arredor da 18ª edición de Culturgal e do Día da Eliminación da Violencia contra a Muller
A plataforma recupera desde este luns momentos destacados de edicións anteriores da Feira das Culturas Galegas e, entre o venres e o domingo, ofrecerá entrevistas en directo desde o evento
No marco da programación especial polo 25-N, habilitarase desde o martes unha sección temática que reunirá filmes e documentais galegos centrados
na reflexión, visibilización e denuncia da violencia machista
Ademais, estrearanse novas entregas de ‘Terra de cómics’ e ‘Bótalle azucre’ e poranse á disposición as películas ‘Deepwater Horizon’ e ‘Unha volta con Madeleine’

Santiago, 24.11.2025.- AGalega.gal reforza a súa oferta esta última semana de novembro cunha sección dedicada ao Culturgal, a Feira das Culturas Galegas, un evento único que se celebra en Pontevedra e que este ano acada a súa 18ª edición.
A plataforma dos medios públicos galegos estrea este luns unha nova sección que recuperará momentos destacados de edicións anteriores. Entre as pezas incluídas están a interpretación de ‘Kennebec’ por Iria Pinheiro e Mónica de Nut no Culturgal 2023; o concerto do grupo Ailá, con temas tradicionais das celebracións galegas, e recitais poéticos de María Lado, Helena de Carlos, Oriana Méndez e Yolanda Castaño.
Ademais, desde o venres 28 ata o domingo 30 de novembro, datas en que se celebra o evento, AGalega.gal ofrecerá en directo entrevistas desde o Culturgal. Entre os nomes confirmados que pasarán polo espacio de Culturgal TV están Manolo Rivas, Suso de Toro, Fran Alonso, Lidia Veiga, Faia Díaz, Felisa Segade e A Pedreira.
Programación especial polo 25-N
O Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller será o outro grande eixe da proposta da plataforma para estes días. No marco da programación especial polo 25-N, este martes habilitarase unha sección temática que reunirá filmes e documentais galegos centrados na reflexión, visibilización e denuncia da violencia machista.
Entre os contidos destacados inclúese a estrea de ‘Prefiro condenarme’, da directora Margarita Ledo Andión. A película, baseada nun caso real de 1972, reconstrúe o xuízo por adulterio contra unha mariscadora da ría de Ferrol celebrado polo Tribunal Eclesiástico de Compostela. A través da historia de Sagrario Ribela Fra, a obra afonda na opresión social, a falta de dereitos e a violencia exercida sobre as mulleres, ao tempo que reivindica o desexo humano de amar e ser amado.
Tamén estará dispoñible ‘O club da calceta’, filme para televisión dirixido por Antón Dobao. A obra segue cinco mulleres de idades e orixes diversas, atrapadas en vidas marcadas pola rutina e as frustracións. O encontro nun curso de calceta convértese para elas nun espazo de unión, liberación e transformación persoal.
A esta selección súmase o documental ‘Contraaluz’, de Teo Manuel Abad, que parte de clases de autodefensa para vítimas de violencia de xénero e recolle testemuños directos de mulleres que afrontan esta realidade. O filme interpela o público sobre a dimensión invisible desta loita e o camiño que aínda queda por percorrer. O documental emitirase pola noite na G2.
Completa a programación ‘Onde máis doe’, un filme de Manane Rodríguez centrado na violencia vicaria a partir do caso do parricida de Oza. A obra aborda este tema desde unha perspectiva rigorosa e afastada do sensacionalismo.
Pecha a selección ‘Tódalas mulleres que coñezo’, de Xiana do Teixeiro, un documental construído a partir de conversas reais entre a directora, amigas, colaboradoras e estudantes de Secundaria, que evidencia a persistencia da violencia estrutural e desmonta o mito da igualdade xa acadada.
Estreas de cinema e novos capítulos de ‘Terra de cómics’ e ‘Bótalle azucre’
Polo demais, este luns estrearase un novo capítulo de ‘Terra de cómics’, en que o artista Kiko Da Silva abrirá as portas da súa escola en Pontevedra para amosar o seu proceso creativo, marcado pola reivindicación da natureza, nun percorrido polas súas influencias e pola súa traxectoria na banda deseñada.
O xoves 27, AGalega.gal ofrecerá un novo capítulo de ‘Bótalle azucre’, o programa en que Anita Mateu continúa o seu particular reto coa lingua galega mesturando humor e aprendizaxe.
O catálogo de cinema da canle dixital da CSAG tamén se ampliará este semana. O venres 28 incorporarase o filme ‘Deepwater Horizon’. Durante as probas previas ao comezo das operacións nunha plataforma petroleira, un accidente desata unha situación límite en que os equipos loitan por evitar a catástrofe. O filme, protagonizado por Mark Wahlberg, Kurt Russell e John Malkovich, está baseado nos feitos reais ocorridos no Golfo de México en 2010. Estará dispoñible durante 30 días
O sábado quedará á disposición a película ‘Unha volta con Madeleine’, tamén durante un mes. A historia segue unha muller maior que se traslada a unha residencia e lle pide a un taxista que a leve polos lugares que marcaron a súa vida. O que comeza como unha simple viaxe pola cidade convértese nun percorrido emocional que cambiará a ambos.
