As últimas audicións de 'Recantos. O cásting', esta noite en Cangas, Silleda e Lugo, entre nervios e moito talento - CSAG
As últimas audicións de 'Recantos. O cásting', esta noite en Cangas, Silleda e Lugo, entre nervios e moito talento
Cadanseu auditorio municipal acolle probas que farán viaxar ao mundo da animación e aos musicais, mesturadas con humor e voces inesperadas

Santiago, 4.9.2026.- Cada vez queda menos para coñecer os recanteiros e recanteiras da próxima temporada, e segundo avanzan as audicións de ‘Recantos. O cásting’ (22:10 horas), complícase a tarefa do xurado composto pola cantante Pili Pampín, o produtor musical Cristian Yennia e o director de formatos televisivos Manu Turnes.
E é que a de Cangas é unha das probas con maior nivel dos aspirantes. A Clara de Asís, Pili Pampín vaille preguntar como é posible que a súa voz aínda non sexa coñecida. Paula fará gozar da maxia dos musicais e con Santiago bailarase igual que se facía coa canción de Enrique Iglesias. Unha vez máis, o programa amosará que é moito máis que un formato musical. Antía confesará que a música é a súa maior terapia e Roma que ten unha relación complicada co seu fillo adolescente. E tampouco faltará o humor, por exemplo da man de Lois que chega ao auditorio con lentes de sol porque seica saíu de festa.
En Silleda asistirase a unha proba marcada polo nerviosismo dos aspirantes, “O programa flan”, dito literalmente por Turnes. Nervios, moitos nervios, que se mesturan con personalidades únicas que chegan ao programa empurradas polos seus pais, coa intención de deixarse fluír ou coa ilusión de cumprir o soño da súa vida.
O certo é que será difícil esquecer a emoción e as bágoas de Iria ao recibir unha crítica positiva, ou o moito que falaban os irmáns Lucía e Ángel e seguro que o xurado aínda lembra o sabor do biscoito co que Alva chegou ao auditorio.
O cásting de novos talentos musicais chega á súa recta final cun recital no Auditorio Municipal Gustavo Freire, en Lugo, onde se mesturan o humor, as homenaxes e as grandes voces. Non por ser a última é a menos interesante. A de Lugo é unha audición chea de emoción, de humor e de talento. Aos seus 72 anos, Alfonso Méndez conquistou o xurado pola súa retranca e pola lembranza á muller coa que compartiu máis de media vida.
O propio Cristian Yennia non foi quen de conter as bágoas cando falaba do seu avó. Precisamente os avós, e os momentos compartidos con eles son a razón pola que algunhas das aspirantes se presentaron a audición. Pero tamén houbo oco para os sorrisos e as risas, como as que Ana Moure provocou a todo o equipo coa súa naturalidade, ou as que espertou Carmen de Picoaga cos seus chistes. E, por suposto, o xurado tivo a oportunidade de dicir alto e claro que máis dun aspirante ten alma de recanteiro.
Coma sempre, Duarte Galbán será o encargado de recibir os aspirantes e acompañar as súas familias e amigos. Unha coidada posta en escena, oito audicións e unha gran gala final, que se celebrará este mes de setembro e da que sairán os recanteiros e recanteiras que participarán na próxima temporada de ‘Recantos’ en ‘Luar’.