div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

Al Bano rende culto ao viño galego este martes en 'A grande escolla'

O artista italiano selecciona, entre as propostas da Ribeira Sacra, Rías Baixas e Ribeiro, o viño perfecto para unha gran festa en Bríndisi

csag.gal 28/04/2026 00:01

Santiago, 28.4.2026.-   O cantante italiano Al Bano é o protagonista da entrega desta noite de ‘A gran escolla’ na TVG, onde chega a Galicia coa misión de escoller un viño con denominación de orixe para unha celebración moi especial na súa terra, en Bríndisi. “Vén con percebes e mexillóns”, adianta entre risas, nunha viaxe que mestura emoción e paixón pola cultura vitivinícola.

A súa relación co viño vén de lonxe, ligada á tradición familiar no sur de Italia. Desde 1973 el mesmo elabora viños e chegou a abrir tres adegas, consolidando un vínculo profundo cun mundo que agora redescobre en Galicia. A súa chegada a Santiago esperta expectación, con ducias de persoas que se achegan saudalo. No paseo polas rúas compostelás, o artista revive tamén a súa historia con España e mesmo deixa caer o seu desexo de ofrecer un concerto na praza da Quintana.

Sen preferencias nin prexuízos, enfróntase ás propostas de Noelia Rey, que o guía por tres denominacións de orixe: Ribeira Sacra, Rías Baixas e Ribeiro. A primeira parada lévao á viticultura heroica da Ribeira Sacra, onde queda fascinado polo traballo manual nos socalcos do Sil e do Miño, da man da adega Regina Viarum, en Sober. O viño presentado é Regina Expresión, un tinto crianza elaborado con mencía seleccionada a man, de cor vermella profunda e aromas a froitos do bosque, que acada o seu punto óptimo tras dez meses en barrica de carballo francés. 

A segunda proposta volve conquistalo e chega desde o Baixo Miño, coa Denominación de Orixe Rías Baixas representada por Altos de Torona. Un viño branco crianza elaborado con albariño, caíño e loureira, de ton palla, aromas intensos a froitas de óso e tropicais e unha acidez fresca cun final prolongado. Tamén reivindica o valor real das botellas fronte aos prezos inflados doutros mercados, defendendo que a calidade non sempre se corresponde co custo. 

A viaxe remata no Ribeiro, a denominación máis antiga de Galicia e a segunda de España, representada por Adegas Casal de Armán, onde descobre non só un viño senón unha historia marcada pola tradición e o romanticismo. O viño presentado é Armán Finca Misenhora, un branco elaborado principalmente con treixadura do val do Avia, de perfil untuoso, con aromas a pexego, flores brancas e matices minerais marcados polo chan sábrego.

Coas tres propostas sobre a mesa, a decisión final non será doada, pero só unha denominación viaxará a Italia para acompañar a súa gran festa en Bríndisi. A elección final, esta noite, ás 22:40 horas, na TVG.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade