AGalega.gal estrea esta semana os documentais 'Dentro do levantamento iraniano' e '10 de marzo' - CSAG
AGalega.gal estrea esta semana os documentais 'Dentro do levantamento iraniano' e '10 de marzo'
O primeiro, da BBC, analiza as protestas que sacudiron Irán en 2023 tras a morte dunha moza baixo custodia policial, e o segundo, de produción galega, reconstrúe un dos episodios máis decisivos da loita obreira durante a ditadura franquista
O catálogo de cinema da plataforma da CSAG amplíase estes días coas películas ‘A toupeira’ e ‘Unha mentira esquecida’

Santiago, 09.03.2026.- Ademais de continuar ofrecendo todas as novidades da grella da TVG, a plataforma AGalega.gal contará esta semana con novidades destacadas, entre as que se sitúa o documental da BBC ‘Dentro do levantamento iraniano’, que se pode ver a partir deste luns e durante sete días. Dirixido por Majed Neisi, analiza as protestas que sacudiron Irán tras a morte dunha moza baixo custodia policial en 2023. A través de imaxes gravadas polos propios manifestantes, moitas inéditas, o filme ofrece unha mirada desde dentro a un país sometido a unha forte presión social e política.
Ademais, AGalega.gal estreará o martes o documental galego ‘10 de marzo’, que reconstrúe un dos episodios máis decisivos da loita obreira durante a ditadura franquista: a represión policial contra os traballadores do estaleiro Bazán de Ferrol en 1972, que deixou dous obreiros mortos e decenas de feridos. A obra combina entrevistas, material de arquivo e recreacións para afondar nas causas e consecuencias dun acontecemento clave da historia recente de Galicia.
O catálogo de cinema da plataforma da CSAG tamén se ampliará durante esta semana. Así, o venres 13 incorporarase ‘A toupeira’, un thriller de espionaxe en que o veterano axente George Smiley é chamado para investigar a posible presenza dun espía infiltrado na cúpula do servizo secreto británico. Será unha complexa investigación para descubrir o traidor oculto no propio organismo. O filme estará dispoñible durante 15 días.
A partir do sábado 14 estará accesible, durante 30 días, a película ‘Unha mentira esquecida’. Nela, unha muller aparece morta no río Creuse e todo apunta inicialmente a un accidente. Con todo, certas incongruencias levan a inspectora do caso a afondar na investigación, destapando un segredo ligado a un episodio escuro da historia recente de Francia.
