div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

AGalega.gal, AGalegaAudio.gal e Xabarin.gal dan un pulo dixital de récord á CRTVG en 2024

A memoria de servizo público 2024 presentada este mércores no Parlamento reflicte estabilidade financeira, consolidación laboral e cifras históricas en plataformas e redes sociais

As plataformas superaron os 2 millóns de usuarios; TikTok medrou un 192%, con 149 millóns de reproducións; e Instagram creceu un 185%, ata os 74 millóns de visualizacións

“Á vista dos datos, estamos no momento de maior alcance, relevancia e difusión da historia dos medios públicos de Galicia”, destacou o director xeral

crtvg.gal 18/06/2025 13:19

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2025 .–  O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, compareceu este mércores no Parlamento de Galicia para presentar a Memoria de Servizo Público correspondente ao ano 2024. No seu relatorio, destacou a consolidación da Corporación como eixo vertebrador do sistema mediático e cultural galego, tanto pola súa estabilidade institucional e solvencia económica como polo seu compromiso firme co servizo público, coa lingua galega, coa igualdade e coa modernización tecnolóxica.

 A CRTVG pechou o exercicio 2024 cun resultado positivo de 1,33 millóns de euros e un remanente de tesouraría de 24,6 millóns, datos que evidencian unha xestión responsable e sostible ao longo dos últimos 16 anos nos que a Corporación rematou todos os exercicios en superávit, permitindo así enxugar en máis do 90% o déficit estrutural que en 2009 superaba os 51 millóns de euros. 

Durante 2024 culminouse tamén o proceso de estabilización do 100% do cadro de persoal consolidando 249 postos de traballo, e comezando unha senda de procesos de contratación de forma regular e debidamente regulamentados.

A TVG foi a canle autonómica máis vista de España e líder en Galicia segundo o Estudio Xeral de Medios, e a terceira canle máis vista da FORTA (o mesmo posto que en 2023) segundo o medidor Kantar Media. As plataformas dixitais AGalega.gal, AGalegaaudio.gal e Xabarín.gal superaron os 2 millóns de usuarios no seu primeiro ano de vida, con máis de 28.500 contidos publicados, e foron descargadas en máis de 200 países, “converténdose no que xa é a maior oferta da historia de contidos audiovisuais baixo demanda en galego”, destacou o director xeral.

As redes sociais experimentaron un crecemento extraordinario: as reproducións de vídeo creceron un 1.200% en YouTube, con 13 millóns de reproducións e 62 millóns de impresións; un 185% en Instagram, pasando dos 74 millóns de reproducións ata os 211 millóns. Ademais, esta rede xerou o maior engagement de todas as redes; un 192% en TikTok, este ano logrouse que os vídeos emitidos se reproducisen 149 millóns de veces, “á vista dos datos, estamos no momento de maior alcance, relevancia e difusión da historia dos medios públicos de Galicia”, destacou o director xeral.

Ademais, o portal informativo G24.gal consolidouse como un referente  con preto de 20.000 noticias publicadas, o que supón unha media de 55 novas ao día. “Estes datos reflicten a nosa capacidade para conectar coa cidadanía en novos formatos e plataformas”, destacou Sánchez Izquierdo.

O 95% da programación da primeira canle foi producida en Galicia e por empresas galegas. A CRTVG mantivo a súa aposta firme polo tecido audiovisual do país, consolidándose como un motor fundamental da economía creativa galega.

A nivel tecnolóxico, a Corporación acometeu avances significativos como a implantación de sistemas avanzados de ciberseguridade (SIEM, DFIR, SOC) e a modernización da infraestrutura da Radio Galega. 

No 2024 a CRTVG reafirmou o seu compromiso como axente dinamizador da lingua galega como eixo vertebrador da súa identidade e actividade, tanto nos contidos lineais como dixitais. 

Control institucional e transparencia

No apartado institucional e de transparencia durante o ano 2024, o director xeral compareceu 8 veces no Parlamento de Galicia, respondeu 22 preguntas orais e 17 escritas. A CRTVG non recibiu ningunha queixa perante a Valedora do Pobo e foi obxecto, coma sempre, do control tanto do Consello de Administración como da Comisión de Control do Parlamento de Galicia, de auditorías externas como a do Consello de Contas, entre outras entidades fiscalizadoras. “Os datos aquí presentados falan dunha Corporación solvente, estable, profesionalizada, próxima á cidadanía, innovadora tecnoloxicamente, comprometida coa lingua galega e conectada cos retos da sociedade contemporánea”, concluíu o director xeral durante a súa intervención.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade