div-crtvg-top1

Publicidade

Navigation Menu

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

AGalega chega a 125 países no seu primeiro mes de vida

Tras España, os Estados Unidos, Suíza e o Reino Unido copan o maior número de visualizacións da nova plataforma

Máis de medio millón de sesións marcan a estrea das tres novas canles de comunicación: AGalega, AGalegaAudio e Xabarín

As series nativas dixitais, ‘Na Gloria’ e ‘Ghuasapp’ son os contidos máis vistos en AGalega. O podcast de ‘Pensando en ti’, en AGalega Audio, e a longametraxe de animación ‘Valentina’ en Xabarín, son os contidos de máis éxito do primeiro mes

As apps están dispoñibles para dispositivos IOS e Android e tamén son compatibles con Chromecast, AirPlay e televisores LG. As próximas actualizacións ampliarán o abano de compatibilidades

crtvg.gal 16/02/2024 16:32

Santiago, 16.02.2024.-  O 17 de xaneiro naceu para o gran público a plataforma dixital  AGalega, que viña acompañada das apps AGalegaAudio e Xabarín. Neste primeiro mes de vida, AGalega rexistrou 396.000 sesións repartidas en 125 países distintos. Tras España, que conta coa meirande parte deste rexistro, en segundo lugar sitúanse os Estados Unidos, con case 6.000 sesións. Terceiro posto para Suíza, con máis de 5.000, e, en cuarto lugar, o Reino Unido, con 4.700. Por riba das 2.000 sitúanse Alemaña, Francia, A Arxentina, e logo seguen destacados Portugal, O Brasil, Holanda, México e O Canadá, todos eles por riba das mil sesións. Completan esta lista de 125 países algúns tan dispares como Seychelles, Togo ou Uzbekistán.

Pola súa banda, AGalegaAudio contou con 70.000 sesións abertas neste período, e Xabarín con máis de 47.000. En total, máis de medio millón de sesións desde a posta en marcha da OTT dos medios públicos galegos.

Os contidos exclusivos son os máis vistos

O humor triunfa en AGalega: o máis visto son as estreas das comedias nativas dixitais ‘Na Gloria’ e ‘Ghuasapp’, que se poden ver en exclusiva na plataforma. A estas comedias seguen as longametraxes ‘Jacinto’, ‘Cuñados’ e ‘O que arde’. AGalega naceu con dúas apps integradas, Xabarín e AGalegaAudio, que tamén se poden descargar de forma individual.

En AGalegaAudio atopamos toda a programación da Radio Galega, 53 podcasts e contidos nativos exclusivos. O máis escoitado nestes primeiros 30 días de vida é: o podcast de ‘Pensando en ti’, os contidos deportivos de ‘Ao Contraataque’, con Pedro Pablo Alonso, e o podcast de Cristina García, ‘Superando a ficción’.
    
Na App Xabarín, para os máis cativos, os contidos máis vistos foron as películas gañadoras do Goya ‘Valentina' e ‘A galiña Turuleca’.

Dispositivos móbiles e televisores intelixentes

Actualmente, a AGalega pode accederse vía web (www.agalega.gal), e tamén pode descargarse desde Google Play e Apple Store. A recomendación é empregar sempre a última actualización, xa que nesta fase de lanzamento as melloras de usabilidade son diarias.

No que respecta ás smart tv, pode accederse a través de 4 opcións: descargando a app directamente en televisores LG e no Chromecast con Google TV; enviando o sinal desde un teléfono Iphone tanto ao Chromecast como directamente aos televisores intelixentes que conten con tecnoloxía Air Play, como os Samsung; enviando o sinal desde un dispositivo Android (tablet ou telefóno) ao smart tv a través do duplicador de pantalla; e finalmente, enviando o sinal ao smart tv directamente desde o navegador de  www.agalega.gal. Proximamente as apps estarán tamén dispoñibles para a descarga directa noutros televisores intelixentes e en Fire TV.

Ao igual que outras plataformas como Netflix ou Amazon Prime, os contidos de AGalega van rotando e non están dispoñibles todos ao mesmo tempo, na procura dun servizo atractivo para o usuario, que pode rexistrarse para gozar das funcionalidades personalizadas e os avisos de contidos exclusivos da plataforma.

En total, AGalega incorpora a día de hoxe máis de 2.000 contidos audiovisuais que están a disposición da audiencia, a demanda, e cun abano de títulos que abarca desde as series e programas míticos da TVG ata espazos nativos dixitais desenvolvidos exclusivamente para a plataforma. En total, sumando as tres novas canles de comunicación, son máis de 9.000 os contidos subidos á AGalega, AGalegaAudio e Xabarín.

Este proxecto de plataforma OTT (over-the-top) marca un fito na culminación do proceso de dixitalización da Corporación, que se viu completado coa estrea do novo estudio 300 de Informativos. Na actual contorna internacional, coa data da fin das emisións en TDT prevista para 2030, a CRTVG culmina a súa transición ao eido dixital e abre o tempo do consumo á demanda, en aberto, dos contidos en lingua galega para todo o mundo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
NOTICIAS CORPORATIVAS

div-crtvg-top2

Publicidade