A TVG ofrece o sábado pola noite o decisivo Spórting-Deportivo - CSAG
A TVG ofrece o sábado pola noite o decisivo Spórting-Deportivo
Ás oito e media do serán, desde o estadio Molinón, o equipo coruñés defende a praza de ascenso directo
As retransmisións deportivas semanais comezan o xoves na G2 e AGalega.gal co Liceo da Coruña-Barcelos, partido correspondente á penúltima xornada da primeira fase da Champions de hóckey a patíns

Santiago, 25.3.2026.- A Televisión de Galicia volve acompañar o Deportivo da Coruña nos partidos decisivos da temporada fóra do estadio municipal de Riazor. Este sábado, a partir das oito e media do serán, a primeira canle da TVG conectará co Molinón para ofrecer a previa máis completa e a partir das nove da noite contar o enfrontamento dos herculinos ante o Spórting de Xixón. Sobre o céspede haberá tres puntos en xogo que son necesarios para os dous equipos na carreira polo ascenso á Primeira División.
As últimas dúas vitorias sitúan o Deportivo á caza do líder, o Rácing de Santander, e por diante do Almería, ao ter o golaverage favorable. Mentres, o Spórting apura as últimas opcións de achegarse aos postos de fase de ascenso, á vez que ve cumprido o obxectivo matemático da permanencia na categoría.
Óscar Benito encargarase da narración dos noventa minutos de xogo, cos comentarios nos estudios de San Marcos do adestrador Tito Ramallo e da exfutbolista Miriam Ríos. Ademais, o xornalista Cristian Romero estará no estadio xixonés para entrevistar a Antonio Hidalgo na previa e falar ao remate co futbolista máis destacado do Deportivo.
As ligas da Federación e o polideportivo
A semana de retransmisións deportivas da segunda canle da Televisión de Galicia e da plataforma AGalega.gal principia na noite do xoves, ás 20:30 h, desde o palacio dos deportes de Riazor. O Liceo da Coruña, que acaba de conquistar a Copa do Rei, celebra o título diante da súa afección recibindo ao Barcelos na penúltima xornada da primeira fase da Champions. O Benfica xa está clasificado para os cuartos de final e as outras tres prazas do grupo están en xogo para catro equipos. Os herculinos dependen de si e gañando este encontro terían garantido o pase para a seguinte fase, sen depender da última cita do calendario na cancha do Oliveirense.
O sábado o protagonista é o fútbol da Primeira RFEF. A partir das catro e cuarto da tarde, o estadio Ruta de la Plata acolle o Zamora-Pontevedra, que os espectadores poderán seguir só a través da G2. Os dous equipos suman 43 puntos e son dous dos nove que aspiran a tres prazas de promoción de ascenso á Segunda División profesional. O deporte continuará ás sete da tarde, co desenlace a través de AGalega.gal da eliminatoria de cuartos de final da European Cup entre o Elx e o Guardés. As galegas defenden un gol de renda tras a vitoria obtida a semana pasada na Sangriña por 21-20.
Xa o domingo, a segunda canle da TVG e a plataforma AGalega.gal emitirán a terceira proba do Mundial de motocrós MXGP, que esta fin de semana chega a Suíza co vigués Rubén Fernández disposto a mellorar a undécima posición da xornada anterior no Gran Premio de Andalucía. A primeira manga está programada para as dúas da tarde e a segunda comezará ás cinco. Mentres, AGalega.gal emitirá en exclusiva unha nova cita dos equipos galegos de fútbol na Segunda RFEF. O Fabril Deportivo, líder en solitario, recibe ao Astorga no Arsenio Iglesias, mentres nas Eiroas de Carballo disputarán un derbi autonómico o Bergantiños e o Coruxo.
‘En xogo’
O domingo pola noite, contra as dez e media, o equipo de ‘En xogo’, que capitanea Gustavo Varela, resumirá todo o sucedido durante a fin de semana nos campos onde competiron os equipos galegos. Esta fin de semana descansa a Primeira polos compromisos das seleccións, pero o programa seguirá a Borja Iglesias, concentrado con España. O Spórting-Deportivo será o eixe central do espazo, xunto aos goles dos nosos na Primeira, Segunda e Terceira RFEF. Outro dos argumentos é a Primeira Feminina, con atención ao Deportivo-Éibar disputado en Riazor.