A TVG estrea este mércores 'Colle pan e molla', unha viaxe polas grandes festas gastronómicas de Galicia - CSAG
A TVG estrea este mércores 'Colle pan e molla', unha viaxe polas grandes festas gastronómicas de Galicia
O programa mergúllase esta noite na Festa de Exaltación do Pan de Cea, da man de Eddy Insua e Violeta Crespo

Santiago, 8.7.2026.- A TVG estrea este mércores, en horario de máxima audiencia, ‘Colle pan e molla’ (22:15 h), un novo espazo que percorrerá algunhas das festas gastronómicas máis emblemáticas de Galicia.
A primeira entrega levará os espectadores ata o concello de Cea para vivir desde dentro a XXXIII Festa de Exaltación do Pan de Cea, unha celebración que cada verán converte o Campo da Saleta nun punto de encontro para milleiros de visitantes atraídos por un dos produtos máis recoñecidos da gastronomía galega.
Da man dos populares Eddy Insua e Violeta Crespo, o programa achegarase dunha forma divertida aos preparativos desta multitudinaria cita. Ambos colaborarán coa organización para que todo saia á perfección, nunha xornada en que a vila se transforma nun escaparate do seu produto máis recoñecido.
Ao longo do espazo, os espectadores descubrirán os segredos da elaboración do afamado pan de Cea, desde os ingredientes e os procesos tradicionais ata os trucos que lle dan personalidade a este produto. Ademais, coñecerán a evolución dunha festa en que a vila multiplica a súa poboación e se transforma nun dos referentes do calendario gastronómico galego.
Con moito humor de fondo e un ambiente festivo, ‘Colle pan e molla’ mestura diversión, cultura e moita festa, coa intención de achegar os eventos que mellor representan a riqueza gastronómica de Galicia.
