div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

A TVG estrea 'Domar o vento', a aventura de Adrián Martíns para redescubrir Galicia ao lombo dos seus cabalos

O xinete baionés percorrerá as catro provincias, sen cartos nin tecnoloxía, guiado pola hospitalidade das persoas que atope no camiño 

A viaxe arrinca hoxe en Trives rumbo Manzaneda

csag.gal 30/06/2026 00:01

Santiago, 30.6.2026.-   A TVG estrea este martes no ‘prime time’ ‘Domar o vento’ (22:55 h), unha serie documental de aventuras que convida a descubrir a Galicia máis auténtica da man do xinete e viaxeiro Adrián Martíns. Nesta nova proposta, formada por oito capítulos, o protagonista percorre as catro provincias galegas acompañado polos seus cabalos de Pura Raza Galega, Farruco e Grelo. A viaxe comeza na montaña ourensá, coa serra de Manzaneda como escenario do primeiro capítulo.

A viaxe parte dun desafío tan sinxelo como extraordinario: atravesar Galicia sen cartos nin tecnoloxía, dependendo unicamente da solidariedade e da axuda das persoas que vaia atopando polo camiño. Esta condición converte cada etapa nunha experiencia imprevisible, chea de encontros, historias de superación e formas de entender a vida que seguen formando parte da identidade do territorio.

Ao longo do percorrido, Adrián atravesa montañas, bosques, aldeas, rías e cantís, afastándose das rutas máis coñecidas para descubrir unha Galicia que conserva vivas as súas tradicións. En cada parada coñece persoas que lle abren as portas das súas casas e comparten historias de esforzo e apego á terra.

Natural de Baiona e criado entre cabalos, Adrián Martíns leva toda a vida ligado ao mundo ecuestre. A súa experiencia en expedicións realizadas por diferentes países permitiulle desenvolver unha maneira de viaxar baseada na autonomía, na adaptación ao medio e na conexión co territorio.

Máis alá da aventura, ‘Domar o vento’ reivindica o valor do rural galego, a hospitalidade das súas xentes e a riqueza paisaxística e cultural de Galicia. A serie pon o foco, ademais, na Pura Raza Galega, unha raza autóctona que chegou a estar en perigo de extinción e que durante séculos foi esencial para a mobilidade e a vida cotiá da poboación galega. 

Durante os oito capítulos, o protagonista vivirá situacións inesperadas, momentos de tensión e tamén instantes de diversión e emoción, compartindo treitos da súa viaxe con persoas moi diversas. Entre elas figura o coñecido creador de contido e explorador Rubén Díez, máis coñecido como Lethal Crysis, con preto de 6 millóns de seguidores en YouTube, que se suma a unha parte da aventura para descubrir Galicia desde unha perspectiva diferente. 

Con paisaxes espectaculares, historias inspiradoras e unha filosofía baseada na confianza, na curiosidade e no contacto humano, ‘Domar o vento’ convida a redescubrir Galicia ao ritmo dos cabalos e das persoas que a habitan. Esta nova proposta é unha produción de Tamboura Films para a Televisión de Galicia.

A viaxe arrinca en Trives destino Manzaneda

Adrián despídese da súa familia e inicia a súa aventura a cabalo desde A Pobra de Trives, atravesando Manzaneda. O seu obxectivo é chegar antes de anoitecer a Pradoalbar, una das aldeas de montaña máis illadas da zona.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade