div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

A TVG emitirá os derbis da Primeira FEB e mantén o seu interese polos dereitos do Breogán na Liga Endesa

A Galega asina un acordo para, como mínimo, ofrecer en aberto os derbis galegos de Primeira FEB entre o Leyma Coruña, o Monbus Obradoiro e o Club Ourense Baloncesto

A directora xeral da CSAG lembrou na Comisión de Control á Corporación no Parlamento galego que a TVG pode “chegar a un acordo económico: polo Breogán, non por calquera equipo que nos toque na xornada”

Pese a todas as especulacións, só consta que 3CAT, con 5 equipos ACB, teña a día de hoxe un contrato pechado con DAZN

csag.gal 24/10/2025 13:08

Santiago, 24.10.2025.-    Televisión de Galicia acaba de pechar un acordo para emitir, como mínimo, os derbis galegos de Primeira FEB —antiga LEB Ouro— entre o Leyma Coruña, o Monbus Obradoiro e o Club Ourense Baloncesto. Con esta decisión, a canle pública reafirma o seu compromiso co baloncesto galego e coa difusión do deporte de base e profesional.

Os primeiros derbis serán o 17 de decembro, o Leyma Coruña - Club Ourense Baloncesto e o 28 de decembro o Monbus Obradoiro - Leyma Coruña, en Santiago. Estas emisións de baloncesto súmanse ás xa anunciadas de todos os partidos do Baxi Ferrol na Eurocup de baloncesto feminino, que emiten a G2 e a plataforma AGalega.gal.

A directora xeral da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia saíu ao paso na xornada de onte das falsidades e desinformacións que correron e corren ao redor da adquisición dos dereitos da Liga ENDESA por parte da TVG e doutros operadores. «Non é certo que a TVG non se interesase polos dereitos de retransmisión do Río Breogán. Iso é falso. E seguimos interesados. Se é que se venden», comezou a súa alocución Mª Concepción Pombo.

Ante as afirmacións do BNG en senso contrario, Pombo engadiu que «TVE non emitiu nin un só partido, deses que vostedes anunciaron». En canto ao panorama das televisións públicas, explicou que «a única canle que consta que adquiriu dereitos de emisión dun partido por xornada por 800.000 euros anuais foi a televisión catalá. Ollo, que non comprou dereitos para seguir determinados equipos (...), comprou un partido por xornada”.

Sobre a posición da Televisión de Galicia, a directora xeral afirmou: «Mantivemos e mantemos ata día de hoxe contacto directo ao máximo nivel coa ACB para explorar opcións de acceso a partidos do Breogán. Iso é o que nos interesa e polo que poderiamos chegar a un acordo económico: polo Breogán, non por calquera partido que nos toque na xornada». 

A directora xeral da CSAG subliñou tamén o compromiso histórico da Corporación co Breogán: «Hai dúas temporadas, a TVG retransmitiu a participación do Río Breogán en competicións europeas, e a Radio Galega foi o único medio, o único, que acompañou o equipo na fase previa». 

A responsable da CSAG incidiu en que «impulsar presións públicas, baseadas en especulacións e loiadas, para que se adquira a toda costa un determinado dereito de emisión é unha táctica que só favorece a posición do vendedor e debilita a do comprador, neste caso un ente público, en detrimento do interese xeral», recalcou. E concluíu: «Sempre que existan dereitos dispoñibles e condicións orzamentarias asumibles, a TVG amosará interese en ofrecer estes contidos en aberto, e de balde, para todos os galegos».
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade