A TVG e AGalega.gal retransmiten este luns o Celta Fortuna-Castelló de Segunda División - CSAG
A TVG e AGalega.gal retransmiten este luns o Celta Fortuna-Castelló de Segunda División
A sábado comeza a Primeira RFEF co Arenas de Getxo-Rácing Club Ferrol

Santiago, 28.8.2026.- Televisión de Galicia retransmite este luns a través da súa primeira canle e da plataforma AGalega.gal o primeiro dos doce partidos programados para esta temporada co Celta Fortuna, como protagonista na Segunda División do fútbol profesional español. A emisión comezará ás nove e vinte e cinco minutos da noite, con Suso Iglesias á fronte da narración do xogo durante os 90 minutos, acompañado nos comentarios técnicos polos exfutbolistas Roberto Lago e Andrés Túñez.
O equipo de Fredy protagonizou o pasado luns unha espectacular remonta ante o Andorra, vencendo por 4-2 tras ir perdendo 0-2. O equipo da canteira celeste ocupa a terceira praza da clasificación, con catro puntos, os mesmos que o rival desta terceira xornada, o Castelló, que está sétimo.
O sábado, Arenas de Getxo-Rácing Club de Ferrol
A TVG, a través da primeira canle, e AGalega.gal ofrecen o sábado desde as seis e vinte e cinco da tarde o partido Arenas de Getxo-Rácing Club Ferrol, que abre a temporada de retransmisións da Primeira RFEF. Cada semana, os espectadores poderán ver en acción a un dos cinco equipos da nosa comunidade. Xunto ao cadro departamental compiten no grupo 1 o Pontevedra, o Club Deportivo Lugo, a Unión Deportiva Ourense e o Fabril Deportivo.
O Rácing Club de Ferrol viaxa ata terras vascas encarando un curso de máxima ilusión, tras unha profunda renovación deportiva, con Javi Vázquez como novo adestrador e fichaxes de peso como o defensa Ger Nóvoa e o extremo Dani Ojeda, con experiencia na Segunda División en equipos como a SD Huesca e o Burgos.
‘En xogo’ e Telexornais Deportes
A xornada deportiva estará presente durante toda a fin de semana nos Telexornais Deportes da TVG ás tres da tarde e as nove e vinte e cinco da noite. Mentres, o programa ‘En xogo’ resumirá todo o sucedido nos campos de fútbol, o domingo desde as dez e media da noite, a través da G2 e de AGalega.gal. Na primeira parte, Gustavo Varela analizará os cinco partidos disputados polos equipos galegos na Primeira RFEF e a continuación chegará o tempo para a Primeira e Segunda divisións profesionais, con amplas reportaxes dos partidos Deportivo-Valencia e Celta-Athlétic de Bilbao.
‘En xogo motor’
A G2 repasa o último sábado de cada mes a actualidade das dúas e das catro rodas coa emisión de ‘En xogo motor’. O sábado ás catro da tarde, Alfonso Pérez recibe no estudio a Álvaro Muñiz, gañador do rally de Ourense e protagonista dun espectacular accidente na proba das Rías Baixas.
Traiñeiras desde Boiro e Ares
A máxima categoría do remo de banco fixo volve recalar en augas galegas coa disputa o sábado da bandeira de Boiro e o domingo a de Ares. A embarcación de Orio segue a firmar unha temporada de dominio absoluto e chega á dobre cita en Galicia con ata catorce vitorias en dezasete xornadas disputadas e cunha ampla vantaxe sobre Ziérbena, segunda clasificada. As tripulacións galegas de Ares e Chapela apuran nesta fin de semana as últimas opcións para evitar a praza de descenso directo na Liga ACT de traiñeiras.