A TVG achega esta noite 'A Macroverbena 2026', cos espectáculos da Panorama e La Misión en competición - CSAG
A TVG achega esta noite 'A Macroverbena 2026', cos espectáculos da Panorama e La Misión en competición
A praia de Montalvo acolle este espectacular duelo musical entre os potentes shows destas dúas formacións, coa posta en escena da mellor música e grandes coreografías

Santiago, 28.08.2026.- A Televisión de Galicia ofrece este venres ‘A Macroverbena 2026’ (21:40 h), un grande espectáculo que levará ás pantallas toda a enerxía das noites de festa galegas. Durante dúas horas, as orquestras Panorama e La Misión, dúas formacións que ofrecen uns dos espectáculos máis potentes do país, protagonizarán desde Montalvo un vibrante duelo para descubrir cal das dúas consegue conquistar o público.
Tanto Panorama como La Misión destacan por ser dúas das orquestras que levan os formatos de maior tamaño á verbena, e esta noite prometen sorprender cunha posta en escena única. Por un lado, os seus case 40 anos de experiencia e o fiel seguimento que teñen os seus espectáculos por todo o país avalan o bo facer da banda nada no Rosal, a Panorama, unha das orquestras máis fortes e famosas do país, que desenvolve arredor de 150 actuacións ao ano, especialmente en Galicia.
Pola súa parte, La Misión, creada en 2012, é unha formación madrileña, que tamén actúa como todo un referente nas festas patronais e verbenas de España. Na súa oferta cómpre salientar tamén a súa gran montaxe de luces, son e escenarios móbiles de gran formato, cos que achega espectáculos cunha duración superior ás catro horas.
A competición desenvolverase a través de seis categorías: posta en escena, potencia vocal, innovación, fan máis seareiro, coreografía e vestiario. En cada unha delas, o programa comparará as actuacións das dúas formacións e recollerá as opinións e reaccións dos asistentes.
Neste grande espectáculo de luz, son e grandes coreografías, os espectadores da TVG poderán gozar esta noite dos números máis espectaculares destas dúas formacións, dos seus grandes éxitos e de imaxes entre bambolinas. O programa buscará tamén os seguidores máis entregados, que defenderán cadansúa orquestra preferida.
Deste xeito, ‘A Macroverbena 2026’ converterá a praia de Montalvo nunha gran pista de baile e achegaralles aos espectadores o ambiente dunha das celebracións musicais máis multitudinarias do verán. As cámaras da TVG recollerán todo o que suceda sobre o escenario e entre o público para que a festa se viva tamén desde a casa.