div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

A televisiva Carmen Lomana procura este martes en 'A grande escolla' o colar de luxo perfecto

A empresaria, amante da xoiería, decidirase entre tres pezas galegas únicas: o colar vermello de Birmania, a gargantilla Degas e Luces de Baía

csag.gal 07/04/2026 00:01

Santiago, 7.4.2026.-     A popular Carmen Lomana chega esta noite (22:40 h) á ‘Grande escolla’ na TVG na procura dun colar de luxo perfecto, unha peza especial que lle apetece que sexa feita en Galicia, onde recoñece que hai “uns artesáns marabillosos”. A empresaria amosa unha relación moi estreita co mundo da xoiería, que forma parte da súa identidade diaria. Aínda que ten predilección polas perlas, nesta ocasión, chega aberta a deixarse sorprender cun colar de vestir e elegante. A escolma dos candidatos é cousa da presentadora e persoal shopper, Noelia Rey.

A experiencia comeza na Coruña, onde Lomana non pasa desapercibida e recibe o agarimo da xente durante o seu paseo pola cidade. A cita con Noelia Rey ten lugar no Pazo de Vilaboa, en Culleredo, un escenario señorial que encaixa coa dimensión da escolla e desde onde lembra a súa relación con Galicia, á que viña desde pequena con frecuencia. 

Nun salón elegante e coidado ao detalle, Noelia amosa o catálogo cos tres colares que Carmen Lomana coñecerá polo miúdo da man de cada xoieiro. A empresaria queda sorprendida polo nivel das pezas.

Colar vermello de Birmania, gargantilla Degas e Luces de Baía

A primeira proposta é o colar vermello de Birmania, presentado por Fernando García, de Unión Joyera de Bergondo. Trátase dunha peza en ouro branco de 18 quilates que combina cinco rubís vermellos cunha delicada composición de 409 diamantes, nun deseño pensado para destacar pola súa elegancia e presenza. O colar entra polo ollo, e o prezo final é de 150.000 euros.

O segundo colar é a gargantilla Degas, da compostelá Katuxa Platero. Unha peza elaborada en exclusiva con perlas de alta calidade para Carmen Lomana, onde destacan unha ametista e dous topacios azuis engastadas en perlas keshi. Un colar brillante, de 42.000 euros, que busca render homenaxe ao famoso cadro das bailarinas do francés Edgar Degas.

E chega a derradeira proposta co vigués Iago Feijóo: Luces de Baía, unha xoia brillante composta de topacios, ametistas e cuarzos do Brasil engastados en ouro rosa de 18 quilates, que acada o valor de 23.000 euros.

Achégase o momento da decisión final, pero Noelia Rey ten unha última sorpresa para a súa convidada, xa que os tres xoieiros trouxeron cadansúa peza para velas in situ, algo excepcional para a ocasión. Tres opcións excepcionais, pero só unha pode ser a elixida. ‘A grande escolla’ de Carmen Lomana, esta noite, ás 22:40 horas.    

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade