A Televisión de Galicia acada 60 candidaturas aos Premios Mestre Mateo - CSAG
A Televisión de Galicia acada 60 candidaturas aos Premios Mestre Mateo
As películas ‘Antes de nós’, ‘As liñas descontinuas’ e ‘San Simón’, con 18, 11 e 8 nomeamentos, respectivamente, están entre as favoritas dos galardóns do audiovisual galego
As producións da Galega ‘O home perfecto’, ‘Bibopalula’ e ‘Punto Nemo’ son candidatas a mellor serie de televisión, mentres que ‘Bechos’ e ‘Pipo’ optan a mellor serie web
Xosé Ramón Gayoso, Lucía Veiga e Miguel Canalejo competirán polo premio a mellor comunicador
Na categoría de mellor programa figuran os espazos da TVG ‘Cos Pés na Terra’, ‘O videoclub’ e ‘Raíña-me’

Santiago, 03.02.2026.- 60 candidaturas para a Televisión de Galicia nos Premios Mestre Mateo 2026. A Academia Galega do Audiovisual anunciou este martes os finalistas da XXIV edición dos premios nun acto celebrado no centro sociocultural O Vello Cárcere de Lugo. ‘Antes de nós’, primeira película sobre a figura de Castelao, dirixida por Ángeles Huerta, protagonizada por Xoán Fórneas e Cris Iglesias e participada pola TVG, é a produción máis votada, con 18 candidaturas. Entre elas figuran as de mellor longametraxe, dirección, guión, montaxe, maquillaxe, música orixinal, vestiario e son, ademais de varios nomeamentos nas categorías de interpretación.
A longametraxe ‘As liñas descontinuas’, de Anxos Fazáns e tamén participada por TVG, alzouse con 11 nomeamentos, entre outras, nas categorías de mellor longametraxe, dirección, guión e interpretacións protagonistas, para Mara Sánchez e Adam Prieto. E outro filme apoiado pola canle pública galega, ‘San Simón’, dirixido por Miguel Ángel Delgado, resultou finalista en 8 categorías: mellor longametraxe, dirección de arte, dirección de produción, interpretación masculina de elenco (Tatán), interpretación masculina protagonista (Flako Estévez), maquillaxe e peiteado, son e vestiario.
Ademais, outra película apoiada pola Televisión de Galicia, ‘Meu ilustrísimo amigo’, sobre a apaixonante historia de amor e creatividade de Emilia Pardo Bazán e Benito Pérez Galdós no século XIX, foi proposta na categoría de vestiario e de mellor interpretación feminina de elenco (Lucía Veiga).
No apartado de televisión, a serie da TVG ‘O home perfecto’, protagonizada por Adrián Castiñeiras, Elena Seijo e Alba Loureiro, sitúase como unha das máis recoñecidas desta edición, con candidaturas na dirección de arte e en maquillaxe e peiteado. Competirá no apartado de mellor serie de televisión con outras producións da TVG como ‘Punto Nemo’ e ‘Bibopalula’, a primeira serie musical de animación rodada en galego, que tamén é candidata ao premio á mellor música orixinal.
Na categoría de serie web, son candidatas dúas producións de animación de Undodez para TVG: ‘Bechos’ e ‘Pipo’. E na de mellor programa de televisión, outros tres espazos da canle pública galega: ‘Cos Pés na Terra’, que descobre as historias humanas apaixonantes das persoas que deciden quedar na campo como medio de vida, e que tamén está proposta ao premio á mellor realización; ‘Raíña-me’, o primeiro programa drag en galego, dispoñible en AGalega.gal, e ‘O videoclub’, pequenas pílulas sobre películas galegas, que están tamén na plataforma dixital. Ademais, optan a mellor comunicador Xosé Ramón Gayoso, o histórico presentador de ‘Luar’, Miguel Canalejo, de ‘O videoclub’, e Lucía Veiga, que durante o pasado verán levou a batuta do ‘Aquí Galicia Fest’.
A longametraxe de animación ‘Decorado’, o novo traballo de Alberto Vázquez e que tamén conta coa participación da Galega, é finalista na categoría de mellor guión; a actriz Isabel Naveira, da serie da TVG ‘Lume’, competirá polo premio á mellor interpretación feminina de elenco, e Marcos Nine opta ao galardón a mellor realización polo programa ‘Historias de aquí’, que amosa feitos tráxicos e momentos irrepetibles da nosa historia recente contados polos seus protagonistas.
Xunto ao anuncio dos finalistas, a Academia Galega do Audiovisual desvelou que a actriz Trisha Fernández e o cómico Federico Pérez serán os encargados de presentar a gala de entrega dos XXIV Premios Mestre Mateo, que terá lugar o día 21 de marzo en Lugo.