A sitcom ‘Coworkinaos’ será o primeiro proxecto conxunto de ficción entre a CRTVG e RTPA - CRTVG
A sitcom ‘Coworkinaos’ será o primeiro proxecto conxunto de ficción entre a CRTVG e RTPA
As dúas radiotelevisións públicas seleccionaron este proxecto dentro da convocatoria ‘Asturias e Galicia crean ficción 2025’ que promove a colaboración entre profesionais dos dous territorios
---
A comedia, da produtora Múltiple by People, desenvólvese nun espazo rural de coworking no que están garantidos os enredos entre os protagonistas, un grupo de profesionais dos sectores máis dispares
---
‘Coworkinaos’ gravarase no segundo semestre do ano e chegará ás pantallas das dúas canles no 2026

Santiago, 23.06.2025.- A Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) e a Radiotelevisión do Principado de Asturias (RTPA) financiarán a produción da sitcom ‘Coworkinaos’, proxecto que resultou gañador da primeira convocatoria conxunta ‘Asturias e Galicia crean ficción 2025’ coa que a CRTVG e a RTPA consolidan unha ponte cultural entre ambas comunidades autónomas a través da ficción televisiva.
A comedia, que chegará ás pantallas das dúas canles públicas en 2026, desenvólvese nun espazo de coworking rural xestionado por un deseñador gráfico nunha contorna limítrofe entre Galicia e Asturias. Nel daranse cita profesionais variopintos que protagonizarán enredos e tramas arredor dos problemas do teletraballo e as relacións entre eles.
A gravación de ‘Coworkinaos’, presentado pola produtora Múltiple by People, está prevista no segundo semestre de 2025 garantindo unha presenza equilibrada de ambas dúas linguas e unha representación equitativa de intérpretes de Galicia e Asturias.