A 'Sala G' afronta hoxe a súa segunda semifinal de 'O mellor dúo da historia' - CSAG
A 'Sala G' afronta hoxe a súa segunda semifinal de 'O mellor dúo da historia'
Seis dúos únicos compiten por entrar na gran final nunha noite chea de emocións, retos e sorpresas

Santiago, 1.1.2025.- A ‘Sala G’ vivirá este primeiro día de 2026 a segunda semifinal de ‘O mellor dúo da historia’, o grande espectáculo musical de Televisión de Galicia en que artistas actuais e voces lendarias se unen para crear dúos irrepetibles. Nesta nova gala, seis dúos únicos subirán ao escenario cun obxectivo claro: conquistar o xurado e o público para conseguir unha das tres prazas dispoñibles na gran final.
Nesta semifinal, o público poderá gozar dos encontros musicais formados por Rocío Varela e Rocío Dúrcal, Guillermo Castro e Raphael, Laura Añón e María Jiménez, Gabriel Fandi e Pucho Boedo, Manoele de Felisa e Camilo Sesto, e Dama xunto a Ana Kiro. Seis propostas moi distintas, creadas expresamente para o programa, que porán en diálogo xeracións, estilos e emocións sobre o mesmo escenario.
O programa está conducido por Arturo Fernández, que guía a gala cun estilo próximo, áxil e cheo de retranca, acompañando os concursantes nunha noite de alta tensión emocional. O xurado, formado por Vanessa Escobar, Borja Quiza e Fátima Pego, achegará tres olladas complementarias -sensibilidade, rigor vocal e carácter- que farán de cada deliberación un momento clave do espectáculo.
Como visita especial, a gala conta coa presenza de David Civera, que participará achegando experiencia, complicidade e unha ollada externa nunha semifinal decisiva. Xunto a el, Fran Nogueira sumará humor e dinamismo ao programa a través de intervencións que romperán a tensión competitiva, mentres que Capitán Sabrosura porá o contrapunto musical máis actual, activando o estudio e o público con momentos de ritmo e festa.
‘O mellor dúo da historia’ reafírmase así como un formato que vai máis alá dun concurso musical: é un espectáculo televisivo que combina memoria colectiva, talento contemporáneo e emoción compartida, onde cada actuación deixa pegada. Porque na ‘Sala G’ non só se canta en parella, aquí faise historia a dúas voces.
