div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

A road movie 'Cariñena, viño do mar', participada pola TVG, preestréase este xoves

A película, ópera prima de Javier Calvo e rodada en Galicia e Aragón, chegará aos cines o 20 de xuño da man de Filmax 

Baséase na novela autobiográfica de Antón Castro e narra a viaxe vital dun mozo galego durante a Transición
 

crtvg.gal 18/06/2025 12:06

Santiago, 18.06.2025.- O cine Palafox de Zaragoza acolle este xoves a preestrea de ‘Cariñena, viño do mar’, unha longametraxe participada pola Televisión de Galicia e Aragón TV que se presenta como unha emotiva road movie de iniciación ambientada na España da Transición. A película, ópera prima do director Javier Calvo, chega ás salas comerciais o 20 de xuño da man de Filmax.

Baseada na novela autobiográfica do xornalista e escritor galego Antón Castro, Premio Nacional de Xornalismo Cultural, ‘Cariñena, viño do mar’ narra a historia de Antón, un mozo galego de 18 anos que, no ano 1978, decide fuxir do servizo militar e emprender unha viaxe que o levará de Galicia a Aragón. En Zaragoza atopará un grupo de obxección de conciencia e, pouco a pouco, irá descubrindo a súa verdadeira vocación como escritor, mentres loita por abrirse camiño nun país que tamén está a buscar o seu propio rumbo. A busca de traballo lévao a Cariñena, onde coñece a Miguel, con quen forxa unha amizade inesperada. Entre barracóns, viñedos e risas, Antón atopa tamén o amor fugaz de Cris e a amizade de Palmira e Isidro, dúas figuras que o axudan a crecer e a comprender o mundo ao que se enfronta.

A película está protagonizada por Diego Garisa e Alejandro Bordanove, e conta cun elenco coral en que destacan Itziar Miranda, Nacho Rubio, Blanca Laínez, Alba Martínez, Ricardo Joven, Paco Paricio e Javier Aranda, entre outros. Rodada en máis de trinta localizacións entre Galicia e Aragón durante sete semanas, ‘Cariñena, viño do mar’ é unha produción de Varykino Films e Producións A Fonsagrada-Filmax, coa participación da Televisión de Galicia e Aragón TV, o patrocinio da Denominación de Orixe Protexida Cariñena e o apoio dos Fondos FITE, o Goberno de Aragón, a Deputación de Zaragoza, o Concello de Zaragoza e o Concello de Cariñena. A localización da rodaxe contou coa colaboración de Aragón Film Commission, Zaragoza Film Office e Teruel Film Commission. A distribución en España corre a cargo de Filmax.

Segundo o seu director, Javier Calvo, esta é unha historia profundamente persoal e “a pesar de tratarse dunha trama baseada en feitos reais, realmente é unha historia universal de calquera mozo nese momento de transición á idade adulta”. Un relato xeracional que fala sobre a amizade, a liberdade e a importancia de escribir o propio destino.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade