A RG ofrece este venres o comezo da final da OK Liga entre o Liceo e o Igualada, e acompaña o sábado o Celta Fortuna na final de ascenso a 2ª División - CSAG
A RG ofrece este venres o comezo da final da OK Liga entre o Liceo e o Igualada, e acompaña o sábado o Celta Fortuna na final de ascenso a 2ª División
O 59º Rally de Ourense, o segundo asalto das semifinais da Liga feminina de fútbol sala, entre o Poio e o Navalcarnero e a final de ascenso á Segunda RFEF que disputarán o Compostela e o Badalona, completan a oferta deportiva da fin de semana

Santiago, 11.06.2026.- A Radio Galega e AGalegaAudio.gal dedican o ‘Galicia en Goles’ deste venres, de 20:30 a 00:00 h, ao comezo da final da Liga de hóckey sobre patíns entre o Liceo da Coruña e o Igualada catalán. O equipo coruñés, líder da fase regular, chegou á final cunha superioridade clara sobre o Lleida nos cuartos de final e sobre o Calafell nas semifinais. Agora quédalle o máis difícil, a final ao mellor de cinco encontros. O rival é o Igualada, que protagonizou unha das sorpresas do ano ao eliminar o vixente campión e dominador histórico da OK Liga, o Barcelona, nun apaixonante quinto partido disputado en Blanes o martes. O conxunto da Anoia non chegaba á final da OK Liga desde hai 22 anos.
Outro punto de directo será o 59º Rally de Ourense, puntuable para o Supercampionato de España de Rallys (SCER). A proba, organizada pola escudería local con saída e chegada no Parque de San Lázaro, distribúe os seus 149,24 quilómetros cronometrados en 12 tramos ao longo de dúas etapas e cinco seccións. A primeira etapa desenvólvese o venres 12 de xuño con saída prevista desde Expourense ás 18:10 horas, atravesando especiais en Amoeiro, San Amaro-Cenlle e Ribadavia-Arnoia. A segunda etapa complétase o sábado 13 de xuño. Entre os pilotos a seguir destaca o retorno de Javier Pardo á estrutura do equipo Recalvi ao volante dun Skoda Fabia RS.
O sábado, desde as 14:15 h, a atención estará posta no penúltimo partido da temporada para o filial do Celta. O Fortuna xógase o acceso á Segunda División fronte á Ponferradina nunha final que pecha un playoff brillante para os de Balaídos. Os dous equipos coincidiron no grupo 1 da Primeira RFEF desta temporada. O balance da liga regular favorece o Celta Fortuna, que venceu 2-0 en Balaídos e empatou sen goles no Toralín, un resultado que no seu momento precipitou o despedimento do adestrador berciano. De producirse empate na eliminatoria, o equipo de Fredi ten vantaxe ao lograr mellor clasificación na fase regular.
Ademais, o ‘Galicia en Goles’ atenderá o fútbol sala feminino. O Poio ten unha segunda oportunidade para chegar á final da Liga tras caer nos penaltis no primeiro partido da semifinal contra o Futsi Atlético Navalcarnero, disputado en La Estación (3-3, 3-1 en penas máximas). As conserveiras gozaron dun 0-2 a seis minutos do final en Navalcarnero, con tantos de Pato e Ale de Paz, pero o Futsi igualou, foi á prórroga e resolveu desde o punto fatídico. O Poio acumulou as baixas por lesión de Pato, Carolina Pedreira e Elia durante tempo de xogo. O equipo de Luis López-Tulla xoga agora na Seca, onde necesita gañar para forzar o desempate.
O Futsi Atlético Navalcarnero é o actual campión da liga e o equipo máis goleador da fase regular, con 144 tantos. Finalizou segundo con 66 puntos, tres máis que o Poio. Desde febreiro de 2026 só perdeu en dúas ocasións, ante o Alcorcón na liga e fronte ao Melilla na final da Supercopa, acumulando 14 encontros sen coñecer a derrota con 11 vitorias e tres empates.
Xa o domingo, a Radio Galega abre a xornada ás 12:00 h coa retransmisión do Campionato de España de Traiñeiras desde as augas de Meira, en Moaña. A partir das 14:15 h, Roberto Carlos Carballo repartirá xogo no Vero Boquete coa final de ascenso á Segunda RFEF. O Compostela xoga na casa tras eliminar o Arteixo na final autonómica, mentres o seu rival, o Badalona, foi quen de remontar e deixar fóra o Cornellá. Ademais, o programa conectará cos encontros de ida polo ascenso á Terceira RFEF: Allariz-San Tirso e Lemos-Portonovo.
No último treito do domingo, os micrófonos do programa estarán no Palacio dos Deportes de Riazor coa segunda entrega da final da liga de hóckey sobre patíns entre o Liceo e o Igualada.