A Radio Galega viaxa co Celta a Lión para contar o desenlace dos ⅛ de final da Europa League - CSAG
A Radio Galega viaxa co Celta a Lión para contar o desenlace dos ⅛ de final da Europa League
O xoves, especial ‘Galicia en goles’ desde as catro da tarde

Santiago, 17.3.2026.- A eliminatoria de oitavos de final da Europa League continúa aberta tras o empate a un gol producido no partido de ida disputado a pasada semana en Balaídos. Este xoves festivo, a Radio Galega pon en marcha unha edición especial de ‘Galicia en goles’ que comezará ás catro da tarde e permanecerá en antena ata as dez da noite para contar todo o que suceda no Groupama Stadium co desenlace da eliminatoria dos oitavos de final.
Roberto Carlos Carballo dirixe as seis horas de radio en directo, que chegará á audiencia a través da FM e da plataforma AGalega.gal. Víctor López encargarase da narración do xogo desde un estadio que ten capacidade para sesenta mil seareiros e no que haberá polo menos tres mil animando os galegos. Desde os estudios centrais reforzarán a retransmisión os adestradores Xosé Ramón Valtierra e Moncho Carnero, xunto a Uxío Caamaño, ‘Mr Asubío’, que se encargará da análise arbitral.
Durante a tarde, o programa dará cobertura a tres partidos da Terceira División: Lugo B-Boiro, Alondras-Barco e Barbadás-Compostela. Ademais analizará os encontros disputados na sesión matinal cos adestradores dos equipos e os futbolistas máis destacados.
O venres, as emisións deportivas do ‘Galicia en goles’ continúan ás oito e media do serán co seguimento a tres eventos. No baloncesto, o Basquet Coruña recibe ao Tizona Burgos nun momento complicado, xa que o Obradoiro achegouse a unha vitoria tras os resultados da pasada xornada. No fútbol, o Arenteiro e o Celta Fortuna protagonizan un derbi galego da Primeira RFEF con moitas urxencias para os do Carballiño. Por último, o Liceo disputa en San Sadurní de Noia a eliminatoria de cuartos de final da Copa do Rei ante o Alcoi co obxectivo de alcanzar, cando menos, as semifinais.
O sábado, a partir das dúas e cuarto da tarde, a atención estará posta no fútbol da Segunda División co enfrontamento en Riazor entre o Deportivo e o Zaragoza. Os dous xogan por tres puntos de ouro, xa que mentres os coruñeses recuperaron posto de ascenso directo, os maños encadearon dúas vitorias consecutivas e volven soñar coa permanencia na categoría. O programa atenderá ademais ao fútbol da Primeira RFEF co derbi en Pasarón entre o Pontevedra e o Ourense C. F. e á competición da Segunda RFEF desde a Ribela, onde a Sarriana recibe ao Langreo. No polideportivo destaca o Obradoiro-Mallorca de baloncesto, o Guardés-Elche da European Cup e o Porriño-Morvedre da máxima categoría do balonmán feminino.
Xa o domingo, a edición matinal principia ás doce do mediodía co baloncesto ACB nas Palmas, onde o Breogán de Lugo visita ao Gran Canaria. A partir das tres, Balaídos será o punto de directo co fútbol da Primeira División entre o Celta de Vigo e o Alavés. Na Primeira RFEF destacan o Lugo-Arenas de Getxo e o Rácing de Ferrol-Barakaldo, mentres na Segunda RFEF haberá ata tres función: Fabril-Lealtad, U. D. Ourense-Sámano e Salamanca-Bergantiños.
#GaliciaEnXogo
Cando remate a xornada, contra as once da noite, Rodrigo Pérez sitúa a audiencia na actualidade do mundo do motor con toda a actualidade dos rallys e os resultados do vigués Rubén Fernández nas dúas mangas do Gran Premio de Andalucía do Mundial MXGP de motocrós. A continuación, ás once e media, Toni López recibirá no espazo olímpico os galegos que se preparan para alcanzar praza nos Xogos Olímpicos dos Ánxeles 2028.