A protagonista de 'Lume' enfróntase esta noite ás presións e ameazas pola súa investigación - CRTVG
A protagonista de 'Lume' enfróntase esta noite ás presións e ameazas pola súa investigación
A xornalista descobre que unha empresa está mercando terreos queimados para un futuro parque eólico

Santiago, 7.7.2025.- No segundo capítulo de ‘Lume’ (21:50 h), que leva por título ‘Fume nas mans’, Lucía recibe documentos que indican que o recente incendio foi provocado e non accidental, como afirmaron as autoridades. Investiga as terras queimadas e descobre que unha empresa chamada Auria Servicios está mercando terreos na zona para un futuro parque eólico. Asemade o cadáver de Martim é atopado, e Maca, dona dun ecoturismo e amiga de Martim, sospeita que a súa morte non foi accidental. Mentres tanto, Lucía enfróntase ás presións da súa investigación, cada vez máis perigosa, e ás ameazas veladas que comezan a aparecer.
A actriz galega Cristina Castaño lidera o elenco de ‘Lume’, coprodución galego-portuguesa de seis capítulos, que combina suspense, drama, investigación xornalística e unha potente mensaxe ambiental. Cómpre destacar a participación tamén do actor portugués Albano Jerónimo e os intérpretes galegos Alfonso Agra, Xúlio Abonjo e Isabel Naveira. Na serie, Lucía, unha xornalista afincada en Lisboa, regresa á súa localidade natal tras un devastador incendio forestal. Convencida de que o lume non foi accidental, iniciará unha investigación que sacará á luz unha perigosa rede de intereses económicos e políticos.
