A película 'Onte á noite conquistei Tebas', dirixida por Gabriel Azorín e participada pola TVG, gaña o festival Cineuropa - CSAG
A película 'Onte á noite conquistei Tebas', dirixida por Gabriel Azorín e participada pola TVG, gaña o festival Cineuropa
Trátase da primeira vez que un filme con parte da súa produción galega obtén o máximo galardón da sección oficial competitiva do certame compostelán

Santiago, 24.11.2025.- A película de Gabriel Azorín ‘Onte á noite conquistei Tebas’, participada pola Televisión de Galicia, converteuse na gañadora absoluta da 39ª edición do festival Cineuropa, ao obter o premio á mellor película e tamén os de mellor guión e mellor interpretación masculina, recoñecemento que o xurado decidiu outorgarlle colectivamente a todo o elenco que protagoniza a cinta.
Trátase da primeira ocasión en que unha película con parte da súa produción galega -a cargo de Filmika Galaika- obtén o máximo galardón de ‘Cineastas do presente’, a sección oficial competitiva do certame compostelán.
A primeira longametraxe de Azorín, unha reflexión sobre a amizade masculina e a forma de vivir o tempo, foi seleccionada na última Mostra de Venecia, na sección ‘Giornate degli Autori’. Rodada nas termas de Bande, é unha proposta de inmersión na atmosfera do pasado da Roma antiga a partir do uso de linguas como o latín.
No palmarés oficial desta edición de Cineuropa figuran tamén, entre outras, películas como a croata ‘God will not help’, a paraguaia ‘Bajo las banderas, el sol’ e a tailandesa ‘A useful ghost’.