A maxia da superlúa de novembro inundará un 'Luar' que contará coa presenza do cantante David Civera e do artista Bruxo Queiman - CSAG
A maxia da superlúa de novembro inundará un 'Luar' que contará coa presenza do cantante David Civera e do artista Bruxo Queiman
Tamén pasarán polo escenario a orquestra La Ocaband, a Asociación Cultural Retranqueiros de Ames e o coro tradicional galego Cantares do Brión

Santiago, 07.11.2025.- Esta semana púidose ver unha superlúa, o momento en que a lúa chea está no seu punto máis achegado á Terra e por iso se percibe máis grande e brillante. Por este motivo, ‘Luar’ (21:50 h) vai falar hoxe de lunáticos e lunáticas e trasladará os seus espectadores á Lúa. En liña con este contido máxico, o programa recibirá a visita do Bruxo Queiman, un actor con máis de 20 anos de experiencia como transmisor dunha cultura milenaria, a atlántica. No seu espectáculo visual son protagonistas o lume da queimada, as bruxas, os trasnos e os seres doutros tempos.
No capítulo musical, o espazo da TVG recibirá este venres a visita de David Civera, un dos cantantes máis soados na década dos 2000. Tras representar a España no Festival de Eurovisión, onde conseguiu a sexta posición co seu tema ‘Dile que la quiero’, o turolense converteuse nunha das voces máis recoñecidas do pop latino nacional e no autor de moitos dos grandes éxitos de comezos de século. Hoxe interpretará os seus temas máis recentes e unha selección dos seus grandes hits.
Tamén pasarán polo escenario a orquestra La Ocaband, a Asociación Cultural Retranqueiros de Ames e o coro tradicional galego Cantares do Brión, que interpreta música de autoría propia e tamén de poetas galegos. Ademais, ‘Luar’ contará coa presenza do ‘arranxatodo’ Lalo Penelas, interpretado por Xosé A. Touriñán, que continúa viaxando por Galicia adiante para facer as súas ‘chapuzas’.
Finalmente, no tempo do concurso de talentos ‘Recantos’, esta semana será a quenda de Caiño, representante da comarca Terras de Pontevedra, e de Nusky, procedente do Miño Oriental.