A música da cantante Lorena Gómez, do dúo Amistades Peligrosas e do grupo La Caja de Pandora soará hoxe en 'Luar' - CSAG
A música da cantante Lorena Gómez, do dúo Amistades Peligrosas e do grupo La Caja de Pandora soará hoxe en 'Luar'
A banda galega Son Iou, a orquestra portuguesa Funçao Públika e a agrupación tradicional Sadeo tamén actuarán nunha noite en que dous participantes de ‘Recantos’ abandonarán o concurso

Santiago, 17.04.2026.- A piques de celebrar os seus 20 anos de carreira, Lorena Gómez visita hoxe o programa ‘Luar’ (21:40 h). A cantante catalá converteuse nunha estrela case da noite á mañá. Tras gañar ‘Operación Triunfo’ en 2006, a súa carreira disparouse e a día de hoxe ten dous discos de ouro e compartiu escenario con importantes artistas.
O espazo da TVG tamén contará coa presenza no escenario de Amistades Peligrosas, o dúo formado por Cristina del Valle e Alberto Comesaña, que colleitou grandes éxitos nos 90 e regresou a comezos desta década. O grupo marcou toda unha época co seu particular xeito de entender a música e as súas cancións convertéronse na banda sonora da vida de toda unha xeración.
Outros que tamén están de regreso son os membros de La Caja de Pandora. 25 anos despois do seu debut, volven aos escenarios cunha xira aniversario que celebra os himnos que definiron o pop-rock español dos anos 2000. Cancións como ‘Acuérdate bien de mi cara’, que hoxe interpretarán ante o público de ‘Luar’, seguen acumulando millóns de reproducións e xerando conexión real co público.
O programa presentado por Xosé Ramón Gayoso e Aitana del Mar tamén contará esta noite coas actuacións da banda galega Sun Iou, que mestura o rock coa música de raíz e que chega para facer bailar e contaxiar da súa forza; da orquestra portuguesa Funçao Públika, co seu potente directo e estilo inconfundible, e da agrupación tradicional Sadeo.
Contra o final do programa, chegará un dos momentos máis emocionantes da noite en ‘Recantos’, xa que toca expulsión. Dos catro nomeados a semana pasada, só dous poderán continuar no concurso.