A G2 retransmite o sábado o derbi Celta Fortuna-Pontevedra - CSAG
A G2 retransmite o sábado o derbi Celta Fortuna-Pontevedra
Durante a fin de semana, protagonismo para a Copa do Mundo de hípica

Santiago, 05.12.2025.- O fútbol galego da Primeira Federación volver ser protagonista este sábado pola tarde na segunda canle da Televisión de Galicia. A partir das catro e cuarto, desde o estadio de Balaídos, Celta Fortuna e Pontevedra disputan un derbi de rivalidade provincial entre dous equipos veciños que viven diferentes estados de ánimo. Mentres o filial olívico está segundo na clasificación, os granates non acaban de atopar o seu sitio na temporada do regreso á terceira categoría do fútbol español.
O fútbol regresará na mañá do domingo cunha sesión de multifútbol a partir das doce do mediodía na plataforma AGalega.gal. Nas Eiroas, o Bergantiños recibe o líder, a Ximnástica Segoviana, mentres o Fabril xoga no campo Arsenio Iglesias ante o Marino. Pola súa banda, o Coruxo afronta no Vao a visita do Ávila. Ás cinco da tarde completa a axenda de retransmisións o enfrontamento no Couto entre a Unión Deportiva Ourense e o histórico Numancia de Soria.
Copa do Mundo de hípica
Esta fin de semana a hípica tamén será protagonista como cada ano por estas datas na programación deportiva da segunda canle da Televisión de Galicia e na plataforma AGalega.gal.
O centro de Casas Novas, en Arteixo, acolle as probas da Copa do Mundo, coa presenza dos xinetes e amazonas mellor clasificados na Federación Internacional. O sábado, ás oito e media do serán, e o domingo, desde as cinco da tarde, os espectadores poderán gozar das probas máis importantes do calendario da competición.
O domingo pola noite, ‘En Xogo’
A fin de semana deportiva remata na primeira canle da Televisión de Galicia contra a medianoite do domingo, coa emisión dunha nova entrega do ‘En Xogo’. Desta volta, o programa recollerá os resumos dos partidos Real Madrid-Celta e Deportivo-Castellón comentados por Roberto Lago, Dani Mallo e ‘Arbiquepitas’. Os goles dos equipos galegos nas ligas da Federación completan a hora de información e entretemento conducida por Gustavo Varela.