div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

A G2 retransmite este domingo o Deportivo-Athlétic da Liga feminina e o Rácing-Ponferradina da Primeira RFEF

AGalega.gal emite en exclusiva a xornada galega na Segunda RFEF

csag.gal 12/09/2025 16:00

Santiago, 12.9.2025.- Televisión de Galicia programa para esta fin de semana retransmisións de fútbol, traiñeiras e motor. A primeira chega na tarde do sábado, a partir das seis menos cuarto, co remate do rally Princesa de Asturias. O galego Javier Pardo defende nesta proba o liderado do Supercampionato de España.

O domingo haberá que madrugar para seguir a penúltima proba do Mundial MXGP de motocrós, coas dúas mangas na China, a primeira ás sete da mañá e a segunda ás dez. Ás once chegarán as traiñeiras da Bandeira da Concha de San Sebastián, coa xornada de clausura. A partir das doce do mediodía os espectadores da G2 poderán seguir o partido de fútbol da Liga feminina entre o Deportivo da Coruña e o Athlétic de Bilbao desde o estadio municipal de Riazor. 

Xa pola tarde, ás cinco, a Liga da Segunda Federación estará presente de xeito exclusivo na ott AGalega.gal coa emisión en formato multifútbol dos encontros Sarriana-Lealtad, desde o campo da Ribela, e do derbi Coruxo-Fabril Deportivo, no campo do Vao. A partir das oito e media, pola G2, o estadio da Malata acollerá a terceira xornada da Primeira RFEF co enfrontamento entre dous favoritos para competir polo ascenso ao fútbol profesional, o Rácing de Ferrol e a Ponferradina.

O novo ‘En Xogo’, ás 22.45 h, os domingos na TVG

Corenta anos cumpre o programa ‘En Xogo’ e desde este domingo o histórico formato incorpora moitas novidades. A máis importante, se cadra, é a emisión pola primeira canle da Televisión de Galicia desde as once menos cuarto da noite. Sevi Martínez asume a presentación, coa chegada de novos analistas como Alejandro Reza, Carla Gabián, Lucia Dávila e Javier Guillén que se unen aos clásicos Roberto Lago e Dani Mallo. O árbitro Xabier Rodríguez Campos discutirá cos especialistas na polémica revisión do VAR. 

Deportes nos Telexornais

Irene Lourido encárgase na fin de semana de presentar os espazos de información deportiva no ‘Bos días’, ‘Telexornal mediodía’ e ‘Telexornal serán’. Os afeccionados teñen durante o sábado e o domingo toda a actualidade dos equipos galegos, co seguimento á xornada nas principais categorías.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade