A CSAG pecha as contas en positivo por 17º ano consecutivo, cun superávit de 0,7 millóns de euros - CSAG
A CSAG pecha as contas en positivo por 17º ano consecutivo, cun superávit de 0,7 millóns de euros
A directora xeral, Concepción Pombo Romero, presentou este martes no Parlamento de Galicia as contas anuais de 2025
A anterior e a actual dirección dos medios públicos sanearon xa case o 92% da débeda herdada en 2009, de 51 millóns de euros
No eido do persoal, Pombo expuxo a situación de completa estabilización do cadro de traballadores, nunha partida que executou 51,6 millóns de euros en 2025

Santiago, 30.06.2026.- A Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG) pechou o exercicio 2025 cun resultado orzamentario positivo de 0,7 millóns de euros (+687.166 euros), nas contas anuais presentadas este martes no Parlamento de Galicia pola directora xeral, Concepción Pombo Romero. Con este resultado, os medios públicos galegos encadean 17 anos consecutivos pechando as súas contas en superávit, consolidando unha traxectoria de estabilidade económica e rigor na xestión.
Na súa primeira comparecencia para presentar unhas Contas Anuais, a directora xeral destacou que o ano 2025 estivo marcado pola convivencia de dúas liñas de actuación: a continuidade do modelo desenvolvido ata o momento e a evolución cara a unha nova etapa multiplataforma. Neste marco, explicou que se está a reforzar a estratexia dixital da Corporación e a situar a alfabetización dixital como un eixo transversal, tanto na organización interna como na relación coa sociedade.
A directora xeral puxo en valor a eficiencia da xestión económica desenvolvida pola Corporación. Segundo sinalou, os resultados consolidados acreditan a eficacia da administración dos recursos públicos e o continuo proceso de saneamento financeiro. Nesta liña, lembrou que a anterior e a actual dirección dos medios públicos, gracias a unha xestión eficiente e en equilibrio, lograron reducir xa case o 92% da débeda herdada en 2009, que ascendía a 51 millóns de euros.
Estabilidade do emprego
No ámbito dos recursos humanos, Concepción Pombo destacou a "completa estabilización do 100% do cadro de persoal", resultado dunha política sostida de consolidación a través das ofertas públicas de emprego e dunha planificación estratéxica dos recursos humanos.
O gasto de persoal acadou en 2025 unha execución de 51,6 millóns de euros, mentres que outra das principais partidas do orzamento, a correspondente ás compras, ascendeu a 46,5 millóns de euros, unha cifra de inversión que repercute directamente no tecido empresarial do sector audiovisual galego.
Esta comparencia coincide co día no que se coñecen os datos da segunda onda do EXM deste 2026 no que a TVG bate marcas e acada un 26,9% de cota de pantalla: a segunda mellor da historia, liderando en Galicia e tamén entre as autonómicas. Pola súa banda a Radio Galega segue a ser a radio pública líder en Galicia, case duplicando a RNE (51.000). A Radio Galega medrou case un 20% (19,3) nesta segunda onda do EXM do ano e sitúase nos 111.000 oíntes. Sumando a Radio Galega Música, as emisoras da Corporación dispáranse aos 143.000 oíntes de luns a venres.