div-crtvg-top1

Publicidade

Navigation Menu

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

A CRTVG pecha as contas en positivo por 15º ano consecutivo, cun superávit de 2,1 millóns de euros

O director xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo, presentou este venres no Parlamento de Galicia as contas anuais de 2023

O cadro de persoal supón máis da metade da execución de gasto, cun total de 52,8 millóns no 2023

A actual dirección saneou preto do 90% da débeda herdada en 2009, de 51 millóns de euros, e en 2013 liquidou a débeda bancaria

Na temporada 2023/2024, a TVG, cun 9,6%, segue nos postos de liderado da FORTA, xunto con TV3 e Aragón TV

AGalega.gal chegou a 194 países nos seis primeiros meses de vida, 795 mil usuarios únicos, e máis de 80.000 descargas nas tendas de IOS e Android

crtvg.gal 28/06/2024 13:47

Santiago, 28.06.2024.-  Por décimo quinto ano consecutivo, a CRTVG rematou o exercicio pasado coas contas en superávit. A Corporación pechou 2023 cun resultado orzamentario positivo por un importe de 2,1 millóns de €, como reflicten as contas anuais presentadas este venres no Parlamento de Galicia polo director xeral da Corporación, Alfonso Sánchez Izquierdo.  

Estes resultados orzamentarios consolidados poñen de manifesto a eficacia da xestión e o saneamento das contas da CRTVG. Sánchez Izquierdo lembrou que a actual dirección recibiu en 2009 unha Corporación cunha débeda de 51 millóns de euros, e que a través da nova xestión e control de gastos, e con orzamentos menores que en anos precedentes, en 2013 conseguiuse eliminar a débeda bancaria e, en 2023, pechar o ano co saneamento do 88% da débeda herdada. Entre outras cousas, isto supuxo pasar dun período de pagamento a provedores superior a 6 meses en 2009, a 6 días en 2023, o que se traslada a unha maior eficiencia e solvencia do sector audiovisual galego.

De cara ao futuro e coa solidez financeira que sinalan as contas anuais, o director xeral salientou que a CRTVG mantén unha perspectiva estratéxica e que incorporará á xestión operativa “unha visión de permanente estado de cambio que precisa dun esforzo adicional para abordar os desafíos da transformación dixital asociada a unha crecente competitividade, mantendo as capacidades das marcas tradicionais TVG e Radio Galega, e simultaneamente atendendo as necesidades crecentes dos medios dixitais, baixo o obxectivo de manter unha coherencia nos custos”.

Así mesmo, Izquierdo achegou datos da enquisa de percepción do servizo público desenvolvida en 2023, que reflicte, entre outras conclusións, que preto do 70% da cidadanía  apoia o cumprimento da TVG coa súa misión de servizo público, entendendo que a TVG ten notoriedade social e económica, e preto do 80% cualifica a TVG como socialmente útil, “algarismos que reflicten a relevancia e a aceptación orgánica da CRTVG entre a sociedade galega”.

Cadro de persoal

A CRTVG segue actualmente implementando unha Oferta Pública de Emprego (OPE) para a consolidación do 100% do cadro do persoal, salientou Sánchez Izquierdo, quen explicou que un ano máis segue a reducirse a contratación temporal implantada na xestión desde o ano 2010, e lembrando que esta temporalidade superaba o 40% no ano 2009.

O director xeral especificou que as remuneracións do persoal laboral se situaron en 2023 en 38,3 millóns, fronte aos 37,8 millóns de euros de 2022. Deste xeito, o cadro de persoal segue a supor máis da metade da execución de gasto, cun total de 52,8 millóns en 2023.

Audiencias

Respecto dos datos de audiencias, Sánchez Izquierdo fixo tamén balance desta primeira metade do ano e da temporada 23/24 (de setembro a xuño). Explicou o director xeral que nestes primeiros meses de ano a TVG acadou unha cota de pantalla do 8,6%, superando a media da FORTA en máis de medio punto. En canto á temporada 23/24, a CRTVG remata tamén nos postos de liderado da FORTA, cun 9,6%, xunto con TV3 e Aragón TV, tras os datos achegados pola consultora Barlovento.

Preguntado polas oscilacións de audiencias dos últimos meses reflictidas polo medidor Kantar Media, o director xeral explicou que o medidor asumiu unha penalización pola mingua do panel que representa a CRTVG nestes primeiros meses de 2024. Esta penalización só tivo que ser activada dúas veces nos últimos 15 anos, en 2019 e neste 2024 tras a análise das anomalías nos resultados das medicións. O outro medidor en que están todos os grandes grupos de comunicación de España, o EXM, outorgoulle a TVG na primeira onda de 2024 o liderado tanto en Galicia como entre as televisións autonómicas.

Destacou así mesmo os datos da plataforma de AGalega.gal, a OTT da CRTVG, lanzada en xaneiro de 2024, que se colocou de entrada entre o TOP 20 das plataformas máis vistas de España, chegou a 194 países, acadou máis de 795.000 usuarios únicos e máis de 80.000 descargas entre dispositivos IOS e Android.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
NOTICIAS CORPORATIVAS

div-crtvg-top2

Publicidade