17 Premios Mestre Mateo para producións e profesionais da Televisión de Galicia na noite do audiovisual galego - CSAG
17 Premios Mestre Mateo para producións e profesionais da Televisión de Galicia na noite do audiovisual galego
A película ‘Antes de nós’, con 13 galardóns, foi a gran triunfadora da noite
Xosé Ramón Gayoso foi elixido mellor comunicador, e ‘Cos Pés na Terra’ triunfou na categoría de mellor programa
‘Bechos’, dispoñible en AGalega.gal, gañou o galardón a mellor serie web

Santiago, 22.03.2026.- ‘Antes de nós’, a longametraxe dirixida por Ángeles Huerta e participada pola Televisión de Galicia, foi a produción máis premiada da gala dos premios Metre Mateo ao acadar trece recoñecementos entre as categorías artísticas e técnicas. En total, 17 galardóns para profesionais e producións apoiadas pola TVG nesta XXIV edición dos Premios da Academia Galega do Audiovisual celebrada no Auditorio Fuxan os Ventos de Lugo, e emitida pola canle pública.
Entre os galardóns para ‘Antes de nós’ figuran os de dirección para Ángeles Huerta, quen recolleu o seu segundo Mestre; guión para Pepe Coira; dirección de arte para Elia Robles; dirección de fotografía para Lucía C. Pan; dirección de produción a Lucía Caramelo; maquillaxe e perruquería para Chicha Blanco e Lorena Calvo; vestiario para Aránzazu Domínguez; e montaxe a Lucía Iglesias; así como os premios de interpretación, tanto protagonistas para Cris Iglesias e Xoán Fórneas, como de reparto. Precisamente nesta última categoría interpretativa produciuse un dos momentos máis inesperados da noite, cun premio ex aequo en interpretación feminina de reparto ás actrices Luisa Merelas e Victoria Teijeiro. O premio a Mellor interpretación masculina de reparto foi para Miquel Ínsua, falecido este ano.
Na categoría de serie web, a gañadora foi a produción de animación de Undodez para TVG: ‘Bechos’. E na de mellor programa de televisión, o Mestre Mateo foi para outro espazo da canle: ‘Cos Pés na Terra’, que descobre as historias humanas apaixonantes das persoas que deciden quedar na campo como medio de vida. O querido presentador da TVG Xosé Ramón Gayoso alzouse co Mestre Mateo a mellor comunicador, e Marcos Nine obtivo o galardón a mellor realización polo programa ‘Historias de aquí’.