div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

'Terra de cómics' e 'Galicia vertical', dúas estreas exclusivas que amplían o universo de AGalega.gal

A plataforma suma esta semana máis propostas culturais e de aventura, xunto co novo episodio de ‘Bótalle azucre’ e unha completa oferta de cine

csag.gal 13/10/2025 12:46

Santiago, 13.10.2025.-  A plataforma dixital AGalega.gal amplía esta semana o seu catálogo con dúas estreas exclusivas, centradas na creación galega e na natureza: ‘Terra de cómics’ e ‘Galicia vertical’. Ademais, chegan novos contidos de entretemento e cine, con propostas para todos os públicos que combinan cultura, humor e emoción.

Hoxe chega en exclusiva a AGalega.gal o programa ‘Terra de cómics’, unha serie cultural de oito episodios dedicada ao mundo da banda deseñada galega. O primeiro capítulo ten como protagonista a Miguel Porto, que abre as portas do seu estudo en Vigo para falar da súa traxectoria e do papel da saúde mental na súa obra. Cada luns publicarase un novo episodio que afonda na creatividade e no talento dos autores galegos.

‘Galicia vertical’, o reto da escalada

O sábado 18, AGalega.gal estrea en exclusiva ‘Galicia vertical’, unha serie documental que explora a práctica da escalada en distintos puntos de Galicia. Os dous primeiros episodios transcorren no Cabo Vilán e no Monte Galiñeiro, dúas paisaxes espectaculares que amosan a vertente máis aventurada e inspiradora do territorio galego.

A influencer Anita Mateu regresa o xoves 16, cun novo capítulo de ‘Bótalle azucre’, a serie en que continúa a súa divertida carreira para conseguir o título oficial de galego. Un formato fresco e entretido que mestura humor, aprendizaxe e identidade.

Cine da semana: do humor británico ao drama social francés

Tamén o xoves 16, a plataforma incorpora a comedia ‘Johnny English: Ataca outra vez’, co inconfundible Rowan Atkinson no papel do espía máis torpe do MI7. O filme estará dispoñible durante 14 días.

O venres 17 chega o aclamado drama ‘Os miserables’, un retrato das tensións sociais nos suburbios de París, dispoñible 30 días. E o sábado 18 engádese o thriller ‘Encerrada’, que narra a historia dunha muller decidida a recompoñer a súa vida tras anos de adicción e illamento, tamén dispoñible 30 días.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade